O Concello da Coruña impulsa o programa de bolsas comedor, do que se beneficiarán case 1.000 familias o curso que vén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Xustiza Social e Coidados vén de pechar a lista definitiva das persoas que se beneficiarán o curso que vén do programa de bolsas comedor, que nesta edición favorecerá a un total de 998 familias, o que supón un incremento do 4,5% respecto ao ano anterior, cando se concederon 953 bolsas, que beneficiaron a máis de 1.500 menores. “Seguimos ampliando este programa para que máis nenas e nenos que o precisan poidan recibir esta axuda”, salientou este mércores a concelleira Silvia Cameán, responsable desta área municipal, quen recordou que o Goberno local xa impulsara no ano precedente este programa, no que inviste este ano 772.000 euros. Do total de bolsas concedidas, 638 van a familias con menores escolarizadas en centros públicos de Infantil e Primaria, Educación Secundaria, e Centros de Educación Especial sostidos con fondos públicos. De entre as beneficiarias procedentes de centros concertados, as bolsas comedor municipais chegarán a 343.

Ademais, nesta edición do programa, un total cinco familias, con nove menores ao cargo, beneficiaranse das bolsas “sobrevidas”, reservadas para cubrir solicitudes que teñan chegado fóra de prazo pero nas que concorren circunstancias tales como o traslado de residencia ou centro escolar dentro do municipio, situacións de violencia de xénero e cambios na situación socio familiar, e que teñen como consecuencia o risco social dos e das escolares. “A finalidade é ningunha nena ou neno que o necesite quede fóra deste servizo, dando cobertura ás familias en situación de vulnerabilidade social, independentemente do centro onde cursen os seus estudos”, fai notar a concelleira.

O programa de bolsas comedor vai dirixido a persoas empadroadas no Concello da Coruña, matriculadas en centros públicos ou concertados con servizo de comedor que non teñan cumprido os 18 anos e cuxa renda per cápita non supere os 4.200 euros anuais (ademais de axustarse ao baremo establecido). Na valoración da situación familiar tivéronse en conta tres factores diferenciais, como son a situación laboral, a situación económica das unidades familiares e a situación sociofamiliar da ou do solicitante, na que se analizaron situacións como a pertenza a unha familia numerosa, casos de discapacidade na unidade familiar, e grao do mesmo.

Visita ao campamento urbano do Castrillón

Por outra parte, a concelleira de Xustiza Social e Coidados visitou este mércores, no centro cívico do Castrillón, un dos campamentos urbanos municipais que se desenvolven durante o verán nos centros cívicos coruñeses. Nesta edición, a Concellería de Xustiza Social e Coidados ofertou un total de 1.990 prazas, das que 40 foron para menores con necesidades educativas especiais. A oferta de campamentos urbanos de verán para menores complétase coas 432 prazas dos campamentos de día (16 destas prazas son para menores con necesidades educativas especiais) que se están a desenvolver no centro Andaina, na Zapateira, e coas 184 dos campamentos tradicionais (4 destas prazas son para menores con necesidades educativas especiais), que teñen lugar no albergue de Ponte Mourulle, na Ribeira Sacra, uns programas nos que o Goberno local inviste este ano 240.000 euros.

Ademais, como destaca a responsable municipal da área, o Concello reservou o 20% das prazas ofertadas para familias que forman parte dos programas de promoción social, como xeito de garantir que ningún neno ou nena que dexese participar quede sin campamento por causas económicas.

17 de agosto de 2016 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.