O Concello da Coruña destinará 70.000 euros a programas e obradoiros para o coñemento e respecto das diversidades no ámbito educativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Igualdade e Diversidade, dirixida por Rocío Fraga, porá en marcha un programa de obradoiros, charlas e talleres, que non terán carácter puntual, senón estable, e que se centrarán no respecto ás diversidades no ámbito educativo.

Deste xeito, os obradoiros do programa municipal Coruña Educa estabilizaranse no tempo e dotaranse de novos contidos e, ademais, poranse en marcha outras accións dirixidas igualmente á poboación escolar pero ás que os alumnos e alumnas poderán dirixirse de xeito individual e non só por medio do centro no estudan, como ocorría até o de agora. “Cremos que é importante que todos os membros da comunidade escolar, tanto nais e pais, como estudantado, teñan acceso á información, tanto de xeito colectivo como individual”, indica a responsable municipal, que destaca que a súa área de Goberno investirá neste programa un total de 70.000 euros. “Abrimos espazos, que cremos que é algo polo que sempre aposta esta Concellería. A información afectivo sexual e o coñecemento e respecto das diversidades así como o seu tratamento é algo que ten que ser completamente accesible, e así o estamos a facer”, dixo.

Así, os obradoiros do programa Coruña Educa contemplarán, ademais das actividades que se veñen realizando no último ano dirixidas ao fomento da Igualdade e á prevención das violencias machistas, novos talleres para novos tramos de idade. No ámbito da igualdade e da diversidade contarase cun novo taller para menores de 1º e 2º curso de Primaria, e no ámbito da educación afectivosexual incorpórase un novo obradoiro para alumnado de Infantil, que será impartido por medio de contos. Igualmente, tamén se dará unha nova orientación aos obradoiros de interculturalidade de cara á sensibilización sobre as diversidades existentes.

Ademais do programa Coruña Educa , o investimento da Concellería de Igualdade servirá para poñer en marcha novas accións, tamén centradas no ámbito educativo, pero coa novidade de levarse a cabo en novos espazos. Así, prevese poñer en marcha unha Escola de Nais e Pais con charlas de diversas temáticas en función da idade dos menores a cargo de dúas horas de duración cada 15 días. Tamén se levará a cabo talleres sobre Novas Masculinidades e Paternidades Corresponsables dirixidas á poboación masculina en xeral de 16 anos en adiante.

Dentro das actividades programas destaca tamén as Tardes Afectivas , que versarán sobre temática afectivosexual, estarán dirixidas a mozos e mozas de máis de 14 anos e se desenvolverán no Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar e no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX). “Trátase para nós dunha actividade moi importante, sobre todo despois de que a Xunta de Galicia desmantelase o programa Tardes Xoves que se levaba a cabo no COF e que contaba con servizo de xinecoloxía. Nós, polo ámbito competencial, non podemos ofrecer este servizo médico, pero si dar unha información que cremos que é necesaria e reclamada, de forma que axudemos aos e ás menores a perder o medo a preguntar e a achegarse, de novo, a espazos coma este, fundamentais non só no terreo afectivosexual senón na prevención de enfermidades”, fixo fincapé. Por último, tamén se contempla a realización de charlas sobre VIHSida tanto en centros cívicos como no CMIX enfocadas a mozos e mozas a partir dos 14 anos, ademais de colectivos diversos e á cidadanía en xeral . “Coa posta en marcha destes talleres concretos damos cumprimento, ademais, a unha moción acordada por unanimidade no Pleno Municipal”, di Fraga. A Concellería de Igualdade ten previsto sacar a concurso público nos próximos días o contrato para a realización de todas estas actividades. “Coa fin de axilizar e manter no tempo de forma continuada estes demandados e necesarios talleres, o contrato que realizaremos é nesta ocasión, e como novidade, de carácter plurianual”, comentou Fraga.

Plan de Igualdade

Por outro lado, a concellería de Rocío Fraga tamén ten previsto sacar a licitación nos próximos días a elaboración do III Plan de Igualdade por un importe de 40.000 euros. O citado plan establece as obrigas nesta materia que teñen tanto as administracións públicas como as empresas de máis de 250 empregados e empregadas. “Este Plan servirá para facer unha diagnose da situación na nosa cidade así como de estruturación de programas a desenvolver nesta materia ao longo dos próximos tres anos a partir do traballo que se desenvolverá cos grupos de traballo da Comisión Municipal de Transversalidade”, indicou a concelleira.

16 de agosto de 2016 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.