O concelleiro de Culturas destaca a resposta da cidadanía ás festas de María Pita
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, avaliou este luns de xeito “máis que positivo” o resultado das festas de María Pita, que concluíron a súa programación na noite de onte co remate da Romaría de Santa Margarita, unha cita que lle serve para exemplificar a nova proposta do Goberno local do programa festivo, “que se expande na súa concepción para implicar ao conxunto da cidadanía, ao buscarse a pluralidade e a transversalidade, multiplicando a actividade, tentando chegar a públicos diversos desde perspectivas amplas e apostando por equilibrar o legado da cidade con propostas máis innovadoras”. Nese sentido, o responsable municipal saudou hoxe a “magnífica acollida” da nova programación da romaría, que este ano incrementou tanto a súa actividade como o seu radio de acción, ao estenderse na xornada do sábado polas prazas de Lugo, Galicia, Vigo e os xardíns Méndez Núñez, ademais do propio parque, cun amplo número de propostas que tiñan na promoción da cultura tradicional o seu eixe vertebrador. “A oferta cultural da romaría, con actividades para todas as idades, en diferentes ubicacións e cun protagonismo das entidades implicadas na visibilización do folclore, pode servir para dar conta da nosa proposta, que plantexa as festas como unha oportunidade de dar cabida a posibilidade de moi diversa índole, apostando pola creación local e vinculando o lúdico co cultural, o pedagóxico, sen esquencer a atracción que ten para o turismo un programa tan amplo e extenso como o que deseñamos para este ano”, sinala Sande, que menciona tamén a “necesaria racionalización orzamentaria” adoptada polo Concello á hora de elaborar o programa.
Neste sentido, o concelleiro confirma a satisfactoria resposta da veciñanza ao Festival Noroeste Estrella Galicia, que nesta edición consolidou o novo concepto desenvolvido polo Goberno municipal, ao ampliar a seis as súas xornadas, e medrar tamén, tanto en número de escenarios –ao incorporar ata nove emprazamentos para os concertos, distribuídos por espazos singulares da cidade, e sen renunciar á praia de Riazor para as xornadas centrais– e tamén en número de bandas, 60 este ano, con propostas nacionais e internacionais e unha aposta forte pola creación local. “Podemos dicir que o Noroeste consolidou esa idea de cidade viva, efervescente e plural, na que en cada recuncho pasan cousas, que é a que queremos transmitir a toda a programación das festas”, observa Sande. Na mesma liña valora a resposta á liña musical dos festexos, como os concertos agrupados nas Noites de María Pita, que congregaron a máis de 20.000 persoas xa desde a súa primeira cita, o 1 de agosto, con Carlinhos Brown –24.000 persoas–, unha afluencia que se repetiu e mesmo se rebasou noutras citas como a de Loquillo –25.000– ou Carlos Baute, quen, con 27.000 espectadores, colleitou un cheo absoluto. Boa acollida tivo tamén a actividade musical vencellada ao Consorcio da Música, coas actuacións da Sinfónica –nunha proposta innovadora como foi a colaboración coa artista nórdica Ane Brun–, así como a orquestra Nova, a orquestra de Nenos e Nenas e o Coro Novo da OSG e a Banda Municipal na praza de María Pita, destaca o concelleiro, quen fai mención ao resto de citas musicais, desde o Festival de Arraigo ás festas dos barrios, que na segunda metade do mes espallaron a música pola cidade, con propostas que incluíron rock, músicas alternativas ou verbenas e orquestras máis tradicionais.
“Se a nosa ambición era poder a chegar a públicos diversos, tanto por idade como por estilos e preferencias, cremos que nestas festas avanzamos nese obxectivo de achegar unha oferta plural, dando espazo a propostas maioritarias, pero tamén a outras que, sen selo, resultan igualmente interesantes”, sinala o responsable de Culturas, quen tamén subliña a “aposta decidida do Concello pola programación nos barrios máis alá do musical”, con obradoiros, propostas escénicas e espazo para a educación ambiental e as actividades infantís, lúdicas e pedagóxicas, entre outras.
Sande tamén fai balance positivo das distintas feiras e festivais, como as xa clásicas citas co Libro e a co Libro Antigo, o festival Manicómicos, a Feira Made in Galicia ou Viñetas desde o Atlántico, e igualmente pon o acento sobre a ampliación e reforzo da oferta dirixida ao público infantil dos distintos barrios, a través de FamiliRúa , pero tamén do novo programa Parque das Utopías , “un programa transversal, con contidos que transcenden o puramente lúdico para ofrecer propostas medioambientais, de xénero e social e culturais”, ou en citas como o Noroeste Estrella Galicia, que programou unha romaría campestre na súa última xornada para dar cabida ao público cativo.
Outra das citas relevantes desta edición das festas foi, confirma o concelleiro de Culturas, a celebración da Tall Ships Races A Coruña, catro días protagonizados polos grandes veleiros da regata internacional, e que, como salienta, serviron ao Concello para formular unha proposta variada, con espazo para o deporte, pero tamén para a cultura e o espectáculo, facendo coincidir a cita nautica coa Batalla Naval, os concertos de Loquillo, Nouvelle Vague, Carlos Baute e Ute Lemper en María Pita ou o Salón do Cómic, entre outras. “Sen dúbida, a regata supuxo un aspecto relevante da programación, tanto pola súa proxección cara ao exterior e o indubidable tirón turístico como pola potencialidade para ofertar á veciñanza actividades que van máis alá da competición para achegarse ao deporte, aos deportes, desde outras perspectivas”, comenta Sande, poñendo en valor, neste sentido, o labor de todo o persoal implicado neste acontecemento, e en especial das persoas voluntarias.
Neste aspecto, tamén o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quixo poñer de relevo hoxe os “bos resultados que tanto a Tall Ships Races como o resto de propostas deseñadas para estas festas tiveron, a nivel turístico e sobre todo para a propia cidade”. Deste xeito, o responsable municipal salienta as cifras de ocupación hoteleira no conxunto da cidade durante todo o mes, “que rozaron o cheo”, e o “evidente impacto dunha programación como a deste ano na economía local, especialmente na hostalería, pero non unicamente”. “Nesta edición da regata de Grandes Veleiros podemos, por primeira vez, avaliar de forma cuantificada a repercusión do evento, en número de asistentes, o que nos permite ter unha perspectiva real do impacto desta cita para a cidade”, sinala Lema, responsable municipal da área de Turismo, quen tamén pon en valor a nova concepción “expandida” de moitas das citas do programa festivo, “unha descentralización que permitiu que non só os negocios da zona máis céntrica se beneficiasen da oferta lúdica e cultural posta en marcha desde o Concello, senón que a actividade se repartiu ao longo de todo o mes para chegar aos distintos barrios”.
Programas ambientais
Pola súa banda, desde a área de Medio Ambiente, a concelleira María García quixo destacar hoxe os avances percibidos polo seu departamento nas dúas liñas que considera “absolutamente primordiais” a impulsar no plano ambiental en relación coas festas da cidade, como son o coidado dos espazos públicos, especialmente as zonas verdes e o arborado, e a redución dos residuos que se xeran durante este tipo de eventos. “Xa o ano pasado comezamos a dar relevancia a este tipo de medidas, que consideramos fundamentais. Este ano puxemos en marcha un programa moi ambicioso que comeza a dar os seus froitos e nas próximas edicións seguiremos de forma decidida nesta liña”, confirma a concelleira, en relación a experiencias piloto como as illas de reciclaxe, a promoción do uso dos ecovasos ou os programas para acompasar limpeza e festas, nos que considera “imprescindible” a implicación da cidadanía. “É importante que a veciñanza siga tomando conciencia do seu papel á hora de camiñar cara a unha cidade máis sustentable e se corresponsabilice, xa que as boas accións individuais teñen un impacto positivo no global”, recorda.
Nese sentido, García pon a celebración da Romaría de Santa Margarita como exemplo de “éxito e de boas prácticas” e salienta os “excelentes resultados” da campaña cos ecovasos, que o Concello puxo en marcha xa desde o ano pasado, neste e outros eventos, e que permitiu que os espazos quedasen practicamente limpos, a pesar da grande afluencia de público durante os dous días. Tamén, a concelleira destaca a boa acollida dos obradoiros ambientais desenvoltos nas festas dos barrios, que se estrearon nesta edición das festas de María Pita. “Foi unha experiencia moi positiva, levar a educación ambiental aos distintos barrios, relacionarnos neste campo coas asociacións veciñais e poder ofrecer ás nenas e nenos unhas actividades diferentes, un programa ampliado e que implique a educación dun xeito lúdico”, valorou.











