publicidade hoxe

O Club Praia de Pantín asina un acordo con Turismo de Galicia para a celebración do Pantin Classic Pro dentro da World Surf League

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaValdoviño
A-
A+
Nava Castro e Lete Lasa na reunión co Club Praia Pantín

Nava Castro e Lete Lasa na reunión co Club Praia Pantín

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o presidente do Club Praia de Pantín, Miguel Ángel Galeiras, asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración polo que o departamento de Turismo da Xunta colaborará un ano máis na celebración da 29 edición do Pantín Classic Pro, incluido no circuíto mundial da World Surf League,e que traerá á Comunidade galega a surfistas profesionais de todo o mundo.

A directora de Turismo de Galicia salientou a importancia da celebración desta proba na Comunidade galega que o ano pasado congregou a “máis de 35.000 persoas en seis días e que contou cunha audiencia en medios de comunicación dixitais de máis de 13,7 millóns de seguidores en varios países distintos”.

Así, Nava Castro manifestou que esta nova edición do Pantin Classic Pro volverá situar a Comunidade galega no epicentro do turismo de surf a nivel mundial e que a promoción e divulgación de Galicia a través desta modalidade deportiva están ben reflectidas no incremento de persoas que practican este deporte nas costas galegas, “así como na contribución deste á difusión e conservación do patrimonio marítimo e á protección do medio ambiente”.

Proxección internacional

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o nome de Pantín Classic Pro “é mundialmente coñecido na contorna do surf, deporte que practican na actualidade máis de corenta millóns de persoas”, polo que grazas a este campionato, a marca Galicia estará presente en medios especializados de todo o mundo.

Deste xeito, Nava Castro indicou que, por exemplo, o ano pasado, nas redes sociais Facebook e Twitter, foron 1,1 millóns as persoas alcanzadas.

Así mesmo, engadiu a directora de Turismo da Xunta, “o estudo sobre o perfil do visitante da pasada edición do Pantín Classic Pro mostra como aumentou o público estranxeiro do 6,9 ao 8,8%”, polo que non é de estrañar que na súa enquisa de valoración “os asistentes puntuasen con 3,6 sobre 4 puntos o desenvolvemento da proba”.

Con todo, Nava Castro manifestou que ”queremos continuar colaborando na organización de promoción deste evento turístico-deportivo”, e así Turismo de Galicia “afiánzase como un dos principais colaboradores dun acontecemento que ademais de posibilitar aos asistentes coñecer unha das nosas fabulosas praias para a práctica deste deporte e posicionar a nosa comunidade como destino de surf”, permitirá mostrar todo o encanto da Galicia costeira.

“O Pantín Classic Pro ten en Galicia o mellor dos escenarios posibles –apuntou a directora de Turismo de Galicia- e a costa galega, en concreto a de Ferrolterra, ofrece excepcionais condicións para surfear”.

Ademais, para Nava Castro, a relación íntima coa natureza de Galicia convértese nun dos atractivos fundamentais desta cita “á que cada ano acoden os mellores deportistas do mundo nesta disciplina e que alcanza grandes éxitos de crítica e público polo seu alto nivel e a excelente organización”.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia tamén manifestou que todos aqueles que se acheguen a Galicia para gozar do campionato, tamén poderán descubrir o patrimonio histórico e artístico da Comunidade galega, a súa gastronomía e a súa natureza, “que nas Rías Altas mostra a súa versión máis auténtica”.

Por último, Nava Castro referiuse a práctica dos deportes náuticos como un dos motivos principais dos viaxeiros á hora de elixir o destino Galicia e por isto, o Plan Integral de Turismo recolle a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos “co obxectivo de cumprimentar a segunda liña da nosa estratexia turística relacionada coa oferta centrada no patrimonio e nos recursos endóxenos ao obxecto de desestacionalizar e atopar novos públicos”.

19 de agosto de 2016 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.