publicidade hoxe

O CD Burela FS Pescados pecha o acordo de filialidade coa SD Xove FS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

O CD Burela FS Pescados Rubén vén de pechar a filialidade co Onde Sempre SD Xove FS, de Segunda B, para a vindeira tempada. A sede laranxa acolleu a xuntanza entre o presidente burelista, Manuel Blanco, e o seu homólogo xovense, Juan Carlos Calvo, que acudiu á cita acompañado polo seu secretario, Antonio Rey, para rubricar o acordo.

“Esta colaboración é a primeira pedra duns alicerces sólidos nos que reforzaremos o noso traballo para seguir apostando pola formación de base e contribuír ao crecemento deportivo na Mariña, potenciando a aprendizaxe de novas promesas. Con esta unión gañamos todos, o Xove FS, o Pescados Rubén e todo o fútbol sala mariñán” aplaudía así Manuel Blanco a aproximación de posturas coa entidade xovense, moi receptiva dende os primeiros contactos para este labor conxunto. “Dende o momento que o Burela nos presentou esta posibilidade, xa nos amosamos moi interesados en levala a cabo xa que, sobre todo na parcela deportiva, para nós estaba a ser moi dificil confeccionar un cadro competitivo, especialmente este último ano, debido á  escaseza de xogadores na zona que poidan compatibilizar unha categoría tan esixente como é Segunda B coas súas obrigas profesionais” expresaba Juan Carlos Calvo, incidindo nas grandes posibilidades que abre esta nova etapa: “Para o  noso club supón un paso moi importante cara ao futuro, por  poder contar co apoio deportivo, económico e de infraestrutura dunha entidade tan importante a nivel nacional como é o CD Burela FS”. 

“Confiamos en que o convenio para 2016-17 poida ser prorrogable por moitos anos e que sexa interesante e frutífero para ambos os clubes” concluían así a súa reunión os dirixentes mariñáns.

25 de agosto de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.