O BNG homenaxea ao rexedor nacionalista Ánxel Casal asasinado hai 80 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O BNG homenaxeou este venres na capital galega ao alcalde nacionalista Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto de 1936, hai 80 anos, a mans do bando franquista.

Neste acto, celebrado na Rúa do Vilar, onde estiveran os talleres da imprenta da Editorial Nós, o voceiro do BNG no Concello de Santiago, Rubén Cela, criticou a “amnesia selectiva” dos “herdeiros políticos e biolóxicos dos golpistas”, ao tempo que defendeu que “nada se levanta sobre o baleiro”.

Neste sentido, sinalou que o “único antídoto” para “loitar contra ese baleiro” é a “memoria”, e recordou que Ánxel Casal foi asasinado por “defender as súas conviccións”: a “democracia”, a “liberdade” e os “dereitos de Galicia”. “Matárono por ser nacionalista”, apostilou.

A continuación, reivindicou o seu traballo como alcalde de Santiago, a súa loita a favor da aprobación do Estatuto de Autonomía e o seu labor como “editor moderno”, que “entendeu a edición como método de transformación”. Así mesmo, tamén recordou a súa acción política no seo do Partido Galeguista.

Pola súa banda, a voceiro nacional do BNG, Ana Pontón, tamén enxalzou a figura de Alexandre Bóveda, ao tempo que defendeu que “nunca se pode dar un paso atrás” na defensa de Galicia e dos seus ideais por “moi adversas que sexan as circunstancias”.

Pero ademais de destacar a figura de Ánxel Casal, Pontón tamén quixo subliñar o papel da súa muller, María Miramontes, unha “peza clave” para que puidesen “saír adiante” determinados proxectos do editor e político galego.

Poñendo como exemplo a Casal, Miramontes e Bóveda, a candidata do BNG á Xunta apostou por “un cambio de rumbo” para Galicia, que debe ser “o centro” das preocupacións dos políticos. Por iso, defendeu a necesidade de “deixar de mirar a Madrid” e acabar coas “dependencias alleas”.

19 de agosto de 2016 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.