Noriega afirma que un espazo con potencial como En Marea pode ter discrepancias puntuais pero son minoritarias
O alcalde de Santiago e covoceiro da coordinadora de En Marea, Martiño Noriega, admitiu este venres que nun espazo con “tanto potencial” como En Marea pode haber “discrepancias puntuais”, aínda que considera que “cualitativa e cuantitativamente” son “absolutamente minoritarias”.
Referíase o rexedor a determinados círculos locais de Podemos que promoven o voto nulo ou a outras alternativas. “Podo respectar determinadas dinámicas, pero non as comparto”, sinalou, xusto antes de opinar que é necesario estar “á altura” da “responsabilidade política” que En Marea ten nestes momentos.
Por iso, o alcalde compostelano entende que “non son momentos” para patriotismos partidarios”, e defende que a confluencia non solo conta “co mellor” candidato, en alusión a Luís Villares, senón que supón “a maior preocupación” para o presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo.
“Se hai dous meses nos chegan a dicir que En Marea ía estar na situación na que está, seguramente moitos dos que impulsamos o manifesto dos alcaldes e o traballo destes dous meses non acreditariamos os resultados que se obtiveron”, recoñeceu Noriega, quen fixo fincapé en que xa non fala das “partes” de En Marea, pois entende que é un “espazo único” conquistado tras a asemblea de Vigo e tras a creación do partido instrumental.
De feito, considera que En Marea está “en posición de disputalo” o Goberno galego ao PPdeG e de “liderar” un proceso de cambio” na comunidade.











