Naffta e Xisela Aranda fusionan a súa imaxe na “TOPGAME Collection”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
O conselleiro delegado de Naffta e Xisela Aranda durante a sinatura do convenio

O conselleiro delegado de Naffta e Xisela Aranda durante a sinatura do convenio

Naffta lanzará xunto á sete veces campioa de España de squash, Xisela Aranda, unha colección especial de deportes de raqueta expresamente deseñada para a deportista, que sairá ao mercado a principios do próximo mes de setembro, coincidindo coa chegada ás tendas da colección de Outono-Inverno 2017.

TOPGAME Collection estará composta por 9 pezas técnicas -3 camisetas, 3 saias, 1 pantalón pirata, 1 vestido e 1 sudadera- deseñadas de acordo coas cores características da marca Xisela: negro, gris e verde flúor. A liña distinguirase ademais coa marca da xogadora e cunha etiquetaxe personalizada.

Para a súa creación, Naffta contou co asesoramento de Aranda, quen participou directamente co equipo de deseño no proceso creativo, achegando a súa experiencia profesional na inclusión de detalles técnicos e na elección dos materiais. Ademais, foi a encargada de testar o comportamento e o rendemento de cada unha das pezas no terreo de xogo. 

Froito deste traballo conxunto, a colección incorpora, como novidade, a tecnoloxía Dry Hand System nas saias,que permite ás deportistas secar con facilidade a súa man durante o partido, grazas a unha peza lateral de microfibra ultra-absorbente.

A colección é produto do acordo de colaboración rubricado entre Naffta e Xisela Aranda durante o pasado mes de febreiro e co que a marca confirma o seu compromiso coa xogadora, á que lle une unha estreita e longa relación de patrocinio de 5 anos, e quen será a imaxe da liña. 

Sobre Naffta

Naffta foi fundada en 1996 e ten a súa sede central en Vigo. Deseña e fabrica de forma artesanal roupa deportiva de alta calidade técnica para tenis, spinning, fitness, running, ioga, pilates, pádel e complementos, sempre cun deseño atractivo pensado para realzar e moldear a figura feminina. O seu capital é 100% español e fabrica sempre en Europa e en condicións laborais responsables. A súa roupa distribúese fundamentalmente en Europa e Estados Unidos. 

17 de agosto de 2016 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.