publicidade hoxe

Monumenta despide a súa IV edición en Monforte cun dos patrimonios renacentistas máis singulares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O ciclo Monumenta despide esta fin de semana a súa cuarta edición con dúas andainas que o levarán a percorrer o patrimonio de fronteira entre Galicia e Portugal, no concello pontevedrés de Tomiño, e un dos patrimonios renacentistas máis singulares de Galicia, no municipio lucense de Monforte de Lemos.

O sábado 27 de agosto, a xornada deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, transcorrerá pola senda do río Miño desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras. A partir dos restos patrimoniais na fronteira natural e política con Portugal, como a fortaleza de San Lourenzo, Monumenta afondará nas relacións entre ambos os dous territorios, na pegada do contrabando e mais na pesca tradicional do Miño. Para iso contará coa voz experta da historiadora e especialista nas fortalezas do Miño, Natalia Jorge Pereira.

O peche musical da xornada correrá a cargo do compositor tudense Victor Coyote, que evocará co seu repertorio a música e as historias da fronteira.

Á descuberta do legado renacentista

Ao día seguinte, o domingo 28 de agosto, Monumenta pechará a súa cuarta edición cunha xornada centrada na conexión de Monforte de Lemos con Castela e Nápoles no século XVI. A andaina final percorrerá un dos patrimonios renacentistas máis singulares de Galicia: o mosteiro e a igrexa de San Vicente do Pino, o colexio de Nosa Señora da Antiga e o convento das Clarisas.

Para este percorrido, Monumenta terá como camiñantes convidados o doutor en historia da arte Juan Manuel Monterroso e a restauradora Marta Becerro.

A participación nestas últimas dúas xornadas do ciclo é de balde e non precisa tampouco de inscrición previa.

Propostas para vivir o patrimonio

Igrexas, torres, capelas, muíños, castelos, castros, fortalezas e vías romanas, a través do diálogo entre a súa singularidade patrimonial e a contorna paisaxística, foron algunhas das propostas da cuarta edición deste ciclo para esa descuberta do patrimonio cultural galego, que ofreceu desde o pasado 30 de xullo propostas variadas arredor do patrimonio marítimo, do patrimonio de fronteira –tanto da raia con Asturias como con Portugal–, do patrimonio industrial, do patrimonio viario etc.

25 de agosto de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.