publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 150.000 euros na humanización da travesía Jaime Janer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio coa alcaldesa de Marín

Beatriz Mato na sinatura do convenio coa alcaldesa de Marín

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 150.000 euros na humanización da travesía Jaime Janer, tal e como se recolle no convenio asinado hoxe en Santiago entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e a alcaldesa da localidade, María Ramallo.

Segundo o documento técnico presentado polo concello, os traballos que se executarán ao abeiro deste acordo consistirán na renovación de beirarrúas; na ampliación das redes de abastecemento e saneamento; e na instalación e acondicionamento de mobiliario urbano.

Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido desde a súa posta en marcha un total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

18 de agosto de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.