publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente e Concello de Friol colaboran para mellorar a seguridade viaria na avenida da Coruña e A Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriol
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello de Friol para mellorar a seguridade viaria na avenida da Coruña e A Reigosa.

Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José Ángel Santos. O proxecto, que se inscribe no Plan Hurbe, disporá dun orzamento de preto de 370.000 euros, que se distribuirá entre este ano e o seguinte.

Segundo o documento técnico presentado polo Concello con respecto a estes traballos, as obras consistirán principalmente na construción de beirarrúas, na execución dunha rotonda na zona de acceso ao campo de fútbol e na instalación de iluminación pública en todo o ámbito de actuación.

Plan Hurbe

O Plan Hurbe púxose en marcha en 2010 por parte do Goberno galego e ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da Comunidade Autónoma co déficit.

26 de agosto de 2016 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.