publicidade hoxe

Medio Ambiente destina 200.000 euros á mellora da rede de abastecemento en San Roque e de varios espazos públicos de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortomarín
A-
A+
Beatriz Mato asina convenio co alcalde de Portomarín

Beatriz Mato asina convenio co alcalde de Portomarín

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano López, asinaron senllos convenios de colaboración que permitirán mellorar varios espazos e zonas públicas deste municipio da provincia de Lugo, así como os servizos de abastecemento, que suman un importe de 200.000 euros.

Concretamente, o Goberno galego investirá case de 170.000 euros nesta actuación, que ten como obxectivo mellorar e rehabilitar o parque público Manuel de Blas, a zona de confluencia das rúas do Pelegrín, do Miño e Avenida de Sarria, así como a fonte que se ubica entre estas dúas últimas rúas.

As obras consistirán na posta a punto de pavimentos en zonas peonís, na renovación de céspede en zonas verdes, poda de árbores autóctonas e instalación soterrada de rego automático. Tamén se instalará alumeado público.

A conselleira trasladoulle ao alcalde que este tipo de actuacións fomentan a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo. Por último, sinalou que coa sinatura do convenio, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio poderá licitar as obras para mellorar esta zona do Concello de Portomarín.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Mellora do abastecemento

Outra das colaboracións permitirá levar a cabo actuacións que melloren o estado da rede de abastecemento en San Roque, no Concello de Portomarín. Tratase dunha actuación que implica un investimento de 35.000 euros e que será cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

As obras que se pretenden executar ao abeiro deste convenio teñen por obxecto dotar de servizo de abastecemento público á poboación de San Roque desde o depósito xeral de Portomarín. Para elo substituirase unha condución xa existente por outra de maior tamaño á saída do depósito e construirase un novo ramal de abastecemento desde a condución anterior.

Tal e como destacou a conselleira, o obxectivo principal desta actuación é mellorar as condicións de vida dos veciños deste concello, de tal xeito que poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as súas demandas de auga potable.

18 de agosto de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.