publicidade hoxe

Loito oficial en Ferrol pola morte dun adolescente tras un ataque de asma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Europa Press

A Xunta de Voceiros do Concello de Ferrol decidiu decretar a xornada deste xoves de loito oficial a consecuencia do falecemento a última hora da tarde deste mércores dun adolescente, de 14 anos de idade, ao sufrir un ataque agudo de asma que derivou nunha parada cardiorrespiratoria cando participaba nunha clase de surf.

Esta decisión motivou a suspensión pleno ordinario do mes de agosto, o inicio do cal estaba programado para as 10,00 horas deste xoves, ademais do inicio das festas de verán, previsto para as 22,00 horas, na Praza de España, coa proxección do pregón sobre unha pantalla xigante e un concerto de Loquillo.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, deu traslado aos concelleiros ferrolanos, reunidos no salón de plenos, da decisión acordada polos cinco voceiros que integran a corporación, onde se gardou un minuto de silencio, que se volverá repetir ás 12,00 horas, ante o pazo municipal, na Praza de Armas, para que poida participar toda a cidadanía.

CONMOCIÓN

A morte deste mozo causou unha gran conmoción entre aqueles que se atopaban sobre as 19,00 horas do mércores na praia ferrolana de Esmelle, cando o mozo estaba a participar nunha clase de surf impartida por unha das escolas locais, segundo fontes municipais.

O adolescente, que residía na cidade de León e pasaba o verán cos seus avós, en Ferrol, decidiu saír da auga ao atoparse indisposto, o que fixo que tanto algúns bañistas como os socorristas tratasen de auxilialo. Ademais, deron aviso aos servizos de emerxencia para que acudisen ao areal, que á súa chegada auxiliaron ao mozo, que faleceu na propia praia.

Posteriormente, desprazouse ao lugar unha comisión xudicial que, a primeira hora da noite, autorizou o levantamento do cadáver e o seu traslado ao Hospital Naval, para practicárselle a autopsia a primeira hora da mañá deste xoves.

25 de agosto de 2016 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.