Galeuropa facilita que 14 xóvenes realicen prácticas formativas en Irlanda, Italia e Reino Unido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Agrupación Val do Ulla, formada polos concellos de Vila de Cruces, Vedra e Boqueixón, no marco do programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa convocado pola Consellería de Política Social.

Trátase de 14 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpren a condición de beneficiarios e que nesta semana iniciarán as súas prácticas formativas non retribuídas cunha duración de 3 meses en empresas de Irlanda, Italia e Reino Unido – 6 en Irlanda, 4 en Italia e 4 en Reino Unido-. Estes 14 mozos e mozas recibiron preparación sociolingüística e intercultural previo á saída.

A contía da axuda por mozo/a está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma; e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e axuda para a viaxe. O importe total da axuda inclúe para a entidade de envío unha axuda á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida.

Cecilia Vázquez destacou que no estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia” que analizou científicamente os resultados de tres programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%. O estudo destaca que antes das prácticas, un 70,4% dos participantes estaba no paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%.

Ademais, a directora xeral tamén sinalou que este mesmo estudo conclúe que o grao de satisfacción dos participantes en edicións anteriores é do 80% e ante a pregunta de se recomendarían Galeuropa aos seus amigos as respostas afirmativas foron do 92%.
Galeuropa ten por obxecto a concesión de axudas para proxectos de mobilidade de mozos e mozas para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades ou empresas públicas ou privadas de 31 países europeos. A contía da axuda por beneficiario está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma e inclúe os gastos de aloxamento, manutención e viaxe. Os beneficiarios poden obter un anticipo do 80%.

As prácticas formativas teñen unha duración de entre dous e catro meses e está previsto que este ano participen neste programa 361 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade deste programa de mobilidade trasnacional xuvenil é a de reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos e mozas, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.

Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poden obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permite confirmar a participación nos programas de educación non formal e sobre todo validar as competencias adquiridas.

Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

29 de agosto de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.