publicidade hoxe

Francisco, o avó de Camposancos, festexa o seu centenario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
O alcalde da Guarda na visita ao veciño centenario polo seu aniversario

O alcalde da Guarda na visita ao veciño centenario polo seu aniversario

O veciño da Guarda Francisco Carrera Carrera celebrou o pasado sábado día 13 de agosto un día moi especial, o seu 100º aniversario.  Coincidindo co sábado do Monte e coa fin de semana grande da Guarda, que acolle as Festas do Monte, un dos veciños máis lonxevos da vila festexou a destacada data do seu centenario.

Nesta celebración, ademais de estar rodeado da súa familia, tamén recibiu unha homenaxe do concello. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a Concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, quixeron acudir a dar os parabéns e un pequeno agasallo a este veciño por acadar os 100 anos de idade.

Nos intres de distendida tertulia que intercambiou co alcalde e coa concelleira Francisco mostrouse moi animado e contento por ter acadado esta fazaña. Pero con ganas de máis. Prometeu intentar chegar ata os 120 “polo menos”. E coa saúde, a forza de vontade e o ánimo que amosou non cabe dúbida que a este veciño da Guarda aínda lle quedan historias por vivir e contar.

16 de agosto de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.