Francisco Conde destaca en Muras o compromiso coa innovación e a diversificación da empresa Plásticos Ferro
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá en Muras na súa visita a Plásticos Ferro o compromiso desta compañía familiar con máis de medio século de traxectoria coa innovación e a diversificación, buscando novos nichos de negocio, e a internacionalización.
Francisco Conde apuntou a este compromiso como claves do éxito dunha empresa moi competitiva, facendo fincapé na busca da diferenciación a través da produción de bateas de polietileno, de caixas para o peixe ou de pezas para a enerxía xeotérmica.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que Plásticos Ferro, que desde o corazón de Lugo é líder na península e quinta en Europa na fabricación e comercialización de tubaxes e accesorios plásticos, contribúe á creación de riqueza e emprego na provincia e en Galicia.
Fixo especial fincapé tamén o conselleiro na internacionalización da compañía, que destina o 85% das súas vendas a Francia, Portugal, Marrocos e España, e exporta o resto a preto de 30 países de todo o mundo.