Feijóo avanza unha achega de 600.000 euros para repoñer os danos pola sarabia nos viñedos da Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoOurense
A-
A+

Logo de avaliar os danos rexistrados pola sarabia nos viñedos da Ribeira Sacra o pasado 15 de agosto, e dada a situación excepcional, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe tras a reunión do Consello unha partida de preto de 700.000 euros para compensar a perda da produción e arranxar diversas infraestruturas relacionadas co cultivo da vide que se viron afectadas.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que o Goberno galego habilitará unha orde específica parar compensar a perda da produción cunha liña de axudas de 500.000 euros, da que se poderán beneficiar aqueles viticultores que non tiveran subscrito ningunha póliza de seguros, sendo a achega máxima por viticultor de 15.000 euros.

Así mesmo, destinaranse preto de 100.000 euros para arranxar camiños, muros e outras infraestruturas relacionadas co cultivo da vide que se viron afectadas por este fenómeno atmosférico adverso.

O titular da Xunta avogou por afrontar coa máxima celeridade os danos para que os produtores afectados podan continuar coa actividade o antes posible. E recordou que a treboada de pedrazo afectou aos viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, maioritariamente no concello lugués de Sober e nunha parte do de Monforte de Lemos, concretamente, na subzona de Amandi, tradicionalmente unha das máis coñecidas da Ribeira Sacra.

Neste sentido, subliñou que os primeiros cálculos indican que a área máis damnificada abarca arredor de 70 hectáreas, que foron practicamente arrasadas pola sarabia caída, afectando a uns 400.000 quilos de uva, segundo as primeiras estimacións, e cunhas perdas directas avaliadas duns 500.000 euros.

“O que fixemos, polo tanto, foi unha avaliación inmediata da situación; trasladamos ao Goberno central a solicitude de declaración de zona afectada por emerxencias; solicitamos ao Ministerio de Facenda a redución dos módulos de estimación obxectiva para as explotacións das zonas que se viron afectadas; urxiuse a intervención do Agroseguro para aquelas persoas que si teñen póliza e levouse a cabo unha avaliación técnica para incluír a zona afectada nas axudas de restruturación e reconversión de viñedos”, abundou o presidente da Xunta, logo de precisar que, neste momento, hai 289 propietarios afectados.

25 de agosto de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.