publicidade hoxe

Digna Rivas e o alcalde do Grove visitan a Illa da Toxa ante o inicio do programa “Depotermal”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+
Digna Rivas na visita á illa da Toxa

Digna Rivas na visita á illa da Toxa

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, visitou esta mañá o Talaso Hotel Louxo, na Illa da Toxa (O Grove), acompañada polo alcalde do Grove, José Cacabelos, varios concelleiros da vila e a directora mailo director médico do centro. Trátase da terceira das visitas que está a facer esta semana a Deputada ao longo de varios balnearios da provincia previamente ao inicio do programa “Depotermal”, en setembro, de fomento do envellecemento activo e mellora da calidade de vida das persoas maiores.

O programa de termalismo social pretende, á vez, ser un plan dinamizador da economía provincial, impulsando a creación e mantemento dos postos de emprego no sector turístico durante os períodos de menor actividade (o programa levarase a cabo entre os meses de setembro e decembro). Cunha achega de máis de 100.000 €, “Depotermal” conta con dúas variedades: a de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas e, pola outra banda, a de pernocta en réxime de pensión completa.

Cómpre salientar que, por primeira vez este ano, reserváronse 434 prazas a persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión, que antes non podían acceder ao programa por motivos económicos. A este respecto, a Deputada Digna Rivas resaltou que “o carácter social de Depotermal é a principal novidade respecto aos anos anteriores. Deste xeito dámoslles facilidades ás persoas sen recursos, xa que é unha labor da Deputación fomentar a igualdade de oportunidades e de dereitos entre todas e todos”, declarou. O alcalde do Grove, José Cacabelos, engadiu que “o termalismo non é só unha cuestión de turismo e relax, senón que se trata dun produto para a saúde e a mellora física das persoas”.

“Depotermal” tivo unha enorme acollida, xa que das 4343 prazas ofertadas recibíronse 4286 solicitudes, polo que practicamente se chegou a completar o 100% da oferta (un 98,7%). Delas, 1431 correspóndense á asistencia diurna (con 12 prazas reservadas) e, outras 2855, á pernocta (con outras 10 prazas reservadas). Neste caso, ao Talaso Hotel Louxo asistirán arredor de 400 persoas.

Digna Rivas resaltou “a labor que levan a cabo os concellos e a súa colaboración coa institución provincial, xa que eles actúan como un filtro para que a veciñanza poida apuntarse aos programas que desenvolvemos”, un programa, neste caso, “que a veciñanza de Pontevedra reclama, polo que estas visitas teñen que servir tamén para ver as necesidades e os aspectos a mellorar”. Pola súa banda, o rexedor grovense felicitou “á Deputación por Depotermal, por manter e apostar por este proxecto. Esperamos poder seguir colaborando neste e moitos outros que dende aquí, dende O Grove, podemos pór en marcha”, afirmou.

Os balnearios nos que se desenvolverá “Depotermal” son os de Termas en Cuntis, Eurostars Isla de la Toja (Talaso) no Grove, Palacio da Auga Balneario de Mondariz-Balneario, Hotel Talaso Atlántico en Oia, Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo), Notal Marina & Spa no Grove, Hotel Spa Norat Horre do Deza en Lalín e Spa Via argentum en Silleda, en modalidade diurna. Pola contra, os balnearios escollidos para a modalidade de pernocta son o Hotel Balneario de Mondariz-Balneario, o Gran Hotel Talaso en Sanxenxo, o Hotel Spa Carlos I en Sanxenxo, o Hotel Termas en Cuntis, o Hotel Talaso Atlántico en Oia, o Talaso Hotel Louxo A Toxa no Grove, o Hotel Spa Norat Torre do Deza en Lalín e, por último, o Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo).

25 de agosto de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.