Deputación de Ourense e Círculo de Empresarios de Galicia alíanse para impulsar a promoción de pemes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Manuel Baltar na reunión con Emilio Pérez Nieto

Manuel Baltar na reunión con Emilio Pérez Nieto

A Deputación de Ourense e o Círculo de Empresarios de Galicia utiman unha alianza para impulsar o emprendemento e a promoción de Pemes “por un espazo común de competitividade no sur de Galicia”, explicou Manuel Baltar, que permita seguir fortalecendo a relación Ourense-Vigo e, con elo, o crecemento e as oportunidades de negocio das empresas deste ámbito común, que Baltar define como “Vigourense”.

O presidente da Deputación recibiu hoxe no Pazo Provincial ao vicepresidente deste colectivo empresarial, Emilio Pérez Nieto, e ao vogal Serafín Ocaña, con quen analizou posibles liñas de cooperación entre as dúas institucións.

“Trátase de establecer un acordo de colaboración para levar a cabo accións conxuntas coa finalidade de fomentar e dinamizar o emprendemento e o investimento no sur de Galicia, con iniciativas que potencien as fortalezas das nosas Pemes, facilitando tamén o networking empresarial con outros territorios”, afirmou Manuel Baltar.

Neste sentido, o presidente da Deputación puxo como exemplo a recente misión empresarial USA-Ourense, certificada polo Goberno dos Estados Unidos, “unha iniciativa comercial que abre importantes portas comerciais aos produtos ourensáns en Estados Unidos”, e tamén lembrou a colaboración que a institución provincial mantén coa Confederación Empresarial de Ourense, coa Cámara de Comercio de Ourense e co Polígono de Barreiros, ademais do apoio á Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao en iniciativas como a celebración do 50º aniversario do polígono ou accións de apoio á internacionalización de empresas do recinto empresarial máis importante de Galicia.

“Todas estas medidas supoñen unha aposta clara por parte do goberno provincial en apoio á competitividade empresarial e á creación de emprego na nosa provincia, iniciativas para as que o Plan “Ourense 15-19″ da Deputación contempla diferentes apartados nos que o impulso emprendedor, a formación e o desenvolvemento de iniciativas relacionadas co fomento da actividade empresarial son unha realidade neste período de mandato”, afirma Baltar.

En maio pasado, o presidente da Deputación de Ourense defendera no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, a importancia da “marca Ourense” como liña estratéxica de competitividade e innovación, remarcando a necesidade “de actuar cunha visión global de provincia e co noso carácter emprendedor, para destacar as nosas singularidades e sermos máis competitivos nos mercados, e niso a cooperación público-privada ten moito que dicir”. Manuel Baltar defende a importancia da cooperación entre as administracións públicas e o sector privado “para desenvolver conxuntamente proxectos innovadores, creativos e de vangarda, que fagan atractivas as singularidades do ámbito local para xerar atracción internacional. De aí a relevancia de alianzas como a que estudamos impulsar co Círculo de Empresarios de Galicia”, expresou o presidente.

29 de agosto de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.