publicidade hoxe

Deporte nocturno, natureza e unha merenda na ruta nocturna polo Ézaro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O grupo de 40 persoas que participaron o pasado venres, 12 de agosto, na ruta nocturna de kaiak volveron a casa cansos, pero moi contentos. Á actividade, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ames, asistiu tamén a concelleira de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena. A pesar do cambio de data- a saída fora programada orixinalmente para o venres 29 de xullo, cubríronse de novos as 40 prazas dispoñibles.

A ruta nocturna de kaiak pola fervenza do Ézaro; unha oportunidade para practicar deporte nun marco natural de gran fermosura, é unha actividade organizada pola Concellaría de Mocidade, a través da OMIX. O 29 de xullo 40 amesáns e amesás inscribíronse para participar, mais a saída tivo que suspenderse por mor do mal tempo. “Trátase dun percorrido que se achega a unha saída do río ao mar e que vira de forma que os participantes rematan practicamente baixo a propia fervenza”, explicou a concelleira, “polo que hai que estar moi pendentes do tempo e das mareas”. A ruta en kaiak desprazouse pois ao día 12 de agosto. “Lamentablemente non todas as persoas apuntadas puideron participar, pero as baixas foron cubertas coa xente da lista de agarda”, sinalou Silvia Dapena. A pesar disto aínda quedan persoas na lista de agarda, polo que dende a concellaría estase a estudar a posibilidade de organizar unha segunda saída.

As 40 persoas participantes dividíronse en dous grupos de 20 persoas. “Explicámoslles primeiro o percorrido e despois” para combater o frío “tomamos unha bebida quente en grupo e uns aperitivos antes de recoller e regresar a Ames”. A duración aproximada da ruta é de unha hora. O grupo estaba composto por persoas “de idades diversas”. “Non quixemos pechar a idade de participación”, explica a concelleira de Mocidade,”polo que a partir dos 12 anos podía participar toda persoa interesada”. Dapena afirma a importancia, dende a concellaría e da OMIX, de organizar actividades que non se limiten unicamente ás persoas máis novas, se non que “engloben un número maior de persoas, e que aquelas de máis de vinte anos tamén se animen a participar”. 

16 de agosto de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.