publicidade hoxe

De Vacas actúa este venres na Praza do Reló da Guarda como parte do festival Música nas Prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaCalendario
A-
A+

O verán guardés continúa cheo de ritmo e de moita e boa música. Este venres 26 de agosto hai unha nova cita dentro da primeira edición do festival Música nas Prazas. Tras o éxito do primeiro dos concertos, o da cantante e compositora viguesa Carmen Johns o pasado 29 de xullo, desta volta é a quenda do grupo galego De Vacas.

Chega á Guarda un dos grupos que están a revolucionar o panorama musical do noso país coas súas versións de cancións de sobra coñecidas polo público. Faia Díaz, Inés Salvado, Paula Romero e Guillerme Fernández conforman as catro patas dun proxecto que nacera coa idea de adicarse a versionar cancións das Spice Girls. Pero o concepto foi evolucionando e fixéronse coñecidos a través de internet grazas a unha versión da canción Gangnam Style, de Psy. 

Tras dous anos de vida están a acadar cada vez máis sona coas súas “versións feas”, tal e como eles as denominan. É dicir, danlle unha volta a cancións moi coñecidas e, en moitos casos, xa aborrecidas polo gran público, cun resultado sorprendente. 

Trátase pois dunha gran oportunidade para desfrutar dun grupo que está a facer as delicias do público alá por onde pasan e que ofrecerá a súa actuación este venres día 26, ás 22 horas, na Praza do Reló da Guarda. En caso de choiva o concerto terá lugar no Centro Cultural. 

O cartel do Música nas Prazas o completan outras tres actuacións, a cargo de grupos guardeses. O venres 16 de setembro o grupo punk rock ‘Unabombers’ tocará na Praza de San Caetano. O xoves 22 de setembro será a quenda de SONGODIN’S, que interpretará as súas versións de cancións coñecidas na Praza de Salcidos. E para rematar esta primeira edición de “Música nas Prazas” o grupo ‘Nobles’ actuará, co seu estilo persoal ó que eles mesmos denominan gas noble, o venres 30 de setembro na Praza de San Amaro.

23 de agosto de 2016 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.