Culturas presenta a nova programación escénica do Ágora e Fórum Metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste martes a oferta da tempada escénica para todas as idades que se representará no Centro Ágora e no Fórum Metropolitano, e que arrincará o vindeiro sábado 10 de setembro co ciclo Forumáxico . O edil cualificou como “variadada e de calidade” a nova programación estable de artes escénicas dos espazos municipais, da que destacou a súa “labor pedagóxica e experiencial para varias xeracións” e que nesta ocasión inclúe obras gañadoras dos premios teatrais de mellor espectáculo en Fetén 2016 ou como nominadas aos Max. Nesta liña, a responsable do Fórum Metropolitano, Begoña Llamosas, quen acompañou ao concelleiro na presentación, destacou “o privilexio” que supón “poder ofertar teatro de tan boa calidade para o público familiar na Coruña esta tempada”, na que o centro público da rúa Río Monelos cumprirá 20 anos.

Así, mentres que o centro Ágora acollerá os domingos a representación das obras enmarcadas no ciclo Bebescena , dirixido a nenas e nenos de ata 3 anos, o Fórum será o escenario os sábados de setembro do festival Forumáxico , centrado no ámbito da ilusión e da maxia, e a partir do 15 de outubro, de Todo Público, cuxa programación abrangue diversos espectáculos dirixidos a rapazas e rapaces de máis de 3 anos ata a preadolescencia, e que complementará de novo a oferta de lecer na idade escolar.

O primeiro ciclo en iniciar a súa andaina será Forumáxico , que presentará o espectáculo Spiral, de O Mago Gusi, o próximo sábado 10 de setembro. Continuará o día 17 co Lafayatte Show de Cayetano Lledó, mentres que Dani Polo porá o broche dourado con I+D+I, Ilusión+Diversión+Imaginación o próximo 24 de setembro. Todas as representacións terán lugar no auditorio do Fórum ás 19.00 horas.

O día 11 de setembro comezará a programación de outono de Bebescena, “un ciclo exitoso que sempre esgota as entradas”, segundo Llamosas, deseñado para menores de ata tres anos co obxectivo de ofrecer “a posibilidade de vivir en familia unha nova experiencia a través da danza, música ou teatro”. A proposta inclúe a representación de sete espectáculos de compañías galegas e doutras rexións do Estado, como Andalucía, Cantabria ou Madrid, en distintos domingos ata o mes de decembro; e cada un deles contará con dúas sesións, que este ano serán ás 11.30 e as 13.00 horas.

Xa no mes de outubro, unha vez iniciado o curso escolar, arrincará o ciclo Todo Público, “unha cita consolidada que permite traer a cidade as mellores compañías en xira polo terrirtorio estatal”, afirmou a súa directora, “e que garante que máis de 10.000 rapazas e rapaces poidan asistir este ano ao teatro en horario lectivo ou coa súa familia na fin de semana”. Todas as representacións deste ciclo, como vén sendo habitual, terán lugar no Fórum Metropolitano os sábados ou domingos ás 18.30 horas, agás a de Amour , Premio Fetén 2016 ao mellor espectáculo, que será o día 26 no centro Ágora, “unha marabilla de obra que poderá disfrutar calquera persoa adulta tanto pola súa calidade como pola coidada posta en escea”, explicou Llamosas.

Adquisión de entradas e Abono familiar

As entradas para os tres ciclos poderán adquirse tamén desde hoxe no despacho central de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902.044.226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas) por 6 euros cada unha, agás no caso de Forumáxico , que será por 5 euros. Nos tres casos, o prezo das entradas para menores de 3 anos será de 2 euros. A Concellería tamén ofrecerá a posibilidade de asistir a cada un dos espectáculos mediante o abono familiar, “para fomentar desde xeito a presenza de nais e pais nas representacións”, indicou a directora do centro municipal. Este abono inclúe 3 entradas por 15€ para cada respresentación no caso de Bebescena e Todo Público , e 12€ no Forumáxico . Por último, o mesmo día da función, se quedan entradas dispoñibles, estas poderán adquirirse nos centros municipais desde unha hora antes de cada representación. A programación escénica estable en ambos espazos socioculturais completarase cos ciclos S en Numerar e Ilusiooóh!n , que se presentarán próximamente, e complementará deste modo a ofrecida polo IMCE na cidade xunto ao Teatro Rosalía Castro, que iniciará o Ciclo Principal de Outono na fin de semana do 23 e 24 de setembro. Toda a información sobre os espectáculos e eventos culturais que teñan lugar en recintos municipais estará dispoñible na páxina web www.coruna.es/cultura

Circuíto galego de Teatro Amador

Ademais das propostas anteriores, nos meses de setembro e outubro o Fórum Metropolitano acollerá catro representacións do Circuíto Galego de Teatro Amador. Comezarán o sábado 3 de setembro coa peza Media de callos , do grupo Tiruleque de O Carballiño, e continuará o venres 30 de setembro coas Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra , do vigués O Trasno Teatro. Xa en outubro, o Circuíto ofrecerá o día 1 As trece rosas do Grupo de Teatro da Biblioteca Pública Antas de Ulla, e pecharase o día 11 co coruñés Ateaco, que levará ás táboas do auditorio do Fórum a obra Mátame que eu non podo.

Todos os espectáculos deste Circuíto Galego de Teatro Amador comezarán ás 20.30 horas e o prezo das entradas será de 3 euros, agás para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do Carné Xove, que aboarán 2 euros. Os billetes estarán á venda no despacho da praza de Ourense no seu horario habitual, así como no mesmo Fórum desde unha hora antes do inicio da función e a través de www.ticketea.com

30 de agosto de 2016 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.