Convócanse as primeiras subvencións municipais para entidades sen ánimo de lucro “en materia de cultura e educación ambiental”
A Concellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha a primeira liña municipal de axudas destinada a entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo proxectos de cultura e educación ambiental. A titular desta área de Goberno, María García, destaca que é a primeira vez na historia do Concello que se leva a cabo unha convocatoria específica nesta materia. O importe global das axudas, ás que se poderá obtar mediante réxime de concorrencia competitiva unha vez estean publicadas do Boletín Oficial da Provincia (BOP), é de 40.000 euros.
García salientou que “a implicación da cidadanía é imprescindible para abordar o necesario cambio de cultura de cara a un desenvolvemento sostible xusto, compartindo coas institucións a responsabilidade e o dereito de buscar as vías que garantan un futuo mellor para nós e as vindeiras xeracións”. Nesa tarefa de empoderar tanto a entidades como a asociacións ou agrupación cidadáns, a Concellería de Medio Ambiente vén de convocar axudas para os proxectos e ideas que se presenten e que xiren arredor de dúas liñas, como son “a xestión sostible dos residuos e a naturalización urbana e conservación da natureza na cidade”. As actividades e proxectos obxecto da subvención terán que ser desenvolvidos este ano, entre o 1 de xullo e o 31 de decembro.
“Os proxectos presentados deberán ter relación con liñas temáticas tales como o residuo cero e a economía circular, e a creación dunha cultura urbana centrada na posta en valor dos procesos de naturalización urbana e de preservación da biodiversidade”, explicou a concelleira. En concreto con respecto ás actividades de residuo cero, terán cabida na presente convocatoria “todos aqueles proxectos que fomenten a redución do lixo, a separación en orixe e a reutilización/valorización”. Tamén poderán propoñerse proxectos innovadores qe afonden na separación e o tratamento da materia orgánica vía compostaxe nas súas diversas formas, así como a reducción e axeitado manexo dos residuos durante as festas e a correcta xestión dos residuos que actualmente van parar ao mar.
Do mesmo xeito, tamén recibirán especial consideración os proxectos presentados que teñan que ver coa mellora na conservación e coñecemento da natureza. “Esta liña de axudas estará orientada principalmente a proxectos que teñan que ver coa mellora da natureza en centros de ensino, a creación de hábitats para a fauna, a retirada de plantas invasoras, a expansión do arborado e da vexetación nos ambientes construídos e outro tipo de intervencións prácticas no medio físico que conten cos permisos correspondentes”.











