publicidade hoxe

Conde sinala á cooperativa Delagro como exemplo de que a unión de esforzos permite gañar competitividade e posicionamento no mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Pontes
A-
A+
Francisco Conde na visita ao polígono de Delagro

Francisco Conde na visita ao polígono de Delagro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nas Pontes que a cooperativa Delagro é un exemplo de como coa unión de esforzos se pode gañar competitividade e posicionamento no mercado. Neste sentido, Conde fixo fincapé na necesidade de que o tecido industrial en Galicia aposte por gañar tamaño e avanzar na internacionalización e na innovación, tanto desde o punto de vista dos procesos como dos produtos.

O conselleiro resaltou a importancia en Galicia da economía social, un sector que aglutina a máis de 7.000 entidades, e afondou na necesidade de seguir apoiando tanto o crecemento das cooperativas e a incorporación de xente nova como o crecemento das mesmas. Neste sentido, Conde lembrou que as compañías deste sector xa poden recorrer ao Fondo de Economía Social (FES) co que Xesgalicia achega financiamento. É un fondo co que a Xunta pon a disposición das compañías préstamos desde 30.000 euros para a realización de novos proxectos ou impulso ao crecemento dos que xa están en marcha. Do que se trata, segundo resaltou o conselleiro, é de mellorar a capitalización e reforzar as estruturas destas entidades.

Así mesmo, o prazo para solicitar os apoios do programa Aprol Economía Social continúa aberto ata o próximo 1 de setembro. Trátase dunha iniciativa que inclúe incentivos ás cooperativas e sociedades laborais e apoios específicos para a mocidade a través do Sistema de Garantía Xuvenil.

Ademais, o programa Re-Acciona Economía Social facilita a implantación de proxectos de mellora. Con esta actuación, apóiase ás empresas cunha axuda mínima do 90% para que teñan a súa disposición o apoio de expertos, os métodos e as ferramentas necesarias para que melloren a súa competitividade. Por outra banda, a Administración autonómica está a fomentar a Rede Eusumo para que participe na identificación de proxectos que sexan viables.

Con respecto á cooperativa Delagro, o conselleiro puxo en valor o seu labor e salientou que é un exemplo de cooperación baseado en intereses comúns. Da unión de tres cooperativas situadas en diferentes comunidades autónomas (Asturias, Cantabria e Galicia) na actualidade está integrada por 46 cooperativas que xuntas aportan máis de 80 cooperativas socias con máis de 17.000 asociados. A súa actividade baséase no sector agrogandeiro e está centrada na fabricación, mestura, envasado e distribución de fertilizantes de uso agrario.

Conde destacou que a unión entre diferentes entidades de menor tamaño permitiulle acadar unha gran competitividade ata posicionarse como a central de compras máis importante do noroeste español, subliñando así mesmo a súa internacionalización cara Portugal.

17 de agosto de 2016 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.