Comisan cinco especies en dúas operacións contra o furtivismo no río Ulla
Un total de cinco especies pesqueiras foron comisadas en dúas operacións contra o furtivismo que tiveron lugar no río Ulla os pasados días 11 e 25 de agosto. En concreto, estas accións foron levadas a cabo polos axentes ambientais do Servizo de Conservación da Natureza, segundo explicou a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio nun comunicado.
O pasado 11 de agosto, os axentes detectaron unha embarcación pescando nunha zona vedada con artes non autorizadas. Nesa operación, incautáronse de 17 quilos de anguías, dúas robalizas, catro linguados e trece cangrexos que foron devoltos vivos á auga.
Ademais, o día 25 detectaron un pescador deportivo que pescara un salmón no couto de Ximonde, onde ata setembro só se autoriza a pesca sen morte. O salmón comisado pesaba case cinco quilos e foi entregado á Residencia de Maiores de A Estrada (Pontevedra).











