publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Combarro acolle o XIII Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+

Entre o 29 de xuño e o 2 de xullo do vindeiro ano a vila de Combarro, no Concello de Poio, acollerá a décimo terceira edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Así o decidiu CULTURMAR– Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, logo de valorar positivamente o proxecto presentado polo Club Mariño A Reiboa, asociación federada a Culturmar, o respaldo e implicación amosados polo Concello de Poio, manifestado a través dun acordo unánime da Corporación Municipal, así coma o compromiso de colaboración dos distintos axentes que operan no porto combarrés e de múltiples asociacións e entidades locais de diverso tipo.

O Encontro acollerá no porto de Combarro preto de 150 embarcacións tradicionais aportadas maioritariamente polas máis de corenta asociacións galegas que conforman Culturmar, e que deron convertido o evento na concentración de embarcacións tradicionais máis importante e de maior dimensión da Península Ibérica. Esta gran celebración da cultura marítima galega, nucleada arredor do patrimonio flotante, e que se vén celebrando cada dous anos de forma itinerante en distintos portos de Galicia, tense tamén convertido hai tempo nun evento internacional coa crecente presenza de delegacións foráneas: así, na última edición de 2015 en Boiro, estiveron presentes embarcacións e outras mostras patrimoniais de Portugal, País Vasco, Cataluña, Irlanda, Francia ou Croacia.

Amais da mostra de embarcacións das máis diversas tipoloxías e das actividades de navegación, o Encontro desenvolverá durante as catro xornadas un amplo e diverso programa de actividades arredor do patrimonio marítimo dirixidas a toda a veciñanza e aos milleiros de visitantes: un congreso sobre aspectos relativos á salvagarda do patrimonio, obradoiros, exposicións, mostras de artesanía, programas específicos adicados á infancia e ás persoas con minusvalía, diversas actividades de lecer e manifestacións artísticas (pintura, escultura, literatura, música etc.).

O Encontro ten o obxectivo de exhibir e poñer en valor o conxunto de elementos materiais e inmateriais que conforman o patrimonio marítimo e fluvial de Galicia, achegado polas entidades culturais galegas adicadas á súa salvagarda, adicando un protagonismo especial á contorna de Combarro, Poio e a ría de Pontevedra a través da exaltación da súa cultura mariñeira, da súa historia e presente vinculados ao mar e dos seus valores naturais e medio ambientais, salientando elementos emblemáticos coma o casco histórico da vila ou a illa de Tambo.

Desde comezos deste verán, un comité organizador encabezado por Culturmar, A Reiboa e o Concello de Poio, está a traballar no deseño das liñas mestras do programa de actividades; na distribución de tarefas en distintas comisións abertas á participación de persoas, entidades e asociacións; na concertación da participación das distintas administracións do país, nomeadamente a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Galp; e na colaboración ou patrocinio de entidades e empresas tanto locais coma galegas en xeral.

Sábado, ás 20:30, no marco da Festa do Mar e da Concentración de Embarcacións Tradicionais, farase unha presentación pública do XIII Encontro.

26 de agosto de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.