publicidade hoxe

Cadeiras celebra a tradicional romaría na honra á Virxe dos Remedios do 7 ao 9 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O lugar de Cadeiras, ubicado na parroquia soberina de Pinol, celebra a súa tradicional romaría na honra á Virxe dos Remedios do 7 ao 8 de setembro. O Concello de Sober colabora coa organización desta festividade que ano tras ano atrae a centos de fieis.

Onte mesmo os veciños e veciñas baixaron a Virxe desde Cadeiras ata a igrexa parroquial. A festa comezará o mércores día 7 en torno ás 20:00 horas coa subida da Virxe dos Remedios ao santuario de Cadeiras, ubicado a máis de 600 metros sobre o nivel do mar, moi preto dos acantilados formados polos Canóns do Sil. A verbena da noite correrá a cargo da orquestra Bohemia.

O xoves a xornada iniciarase a partir das 11:00 horas da mañá coa celebración das misas rezadas. En torno ás 13:00 horas oficiarase unha misa solemne con procesión que dará paso ao baile do mediodía amenizado polo grupo de Joselito, a Banda de Música de Sober e un grupo de gaitas. O punto musical na noite porano o grupo de Joselito e Compostela. 

O venres día 9 celebraranse as misas rezadas a partir das 11:00 horas e a tradicional misa solemne en torno ás 13:30 do mediodía. A sesión vermú correrá a cargo dun grupo de gaitas e da orquestra Poceiro, que tamén será a encargada de poñer o fin de festa pola noite. 

O alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián, convida a todos os veciños e veciñas, así como a todos os visitantes que se atopen na localidade eses días, a participar desta romaría “que conta cunha enorme tradición e está xa asentada no calendario do Concello soberino como un reclamo turístico que atrae a centos de visitantes todos os anos” .

29 de agosto de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.