Caballero arremete contra Leiceaga por relegar a Vigo na lista de candidatos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres duramente contra o candidato do seu partido á presidencia da Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, tras as modificacións introducidas na lista de candidatos do PSdeG pola provincia de Pontevedra, ao considerar que se relega á cidade olívica a un segundo plano.

Nunha rolda de prensa o rexedor, visiblemente irritado, advertiu de que os cambios introducidos por Leiceaga na candidatura “potencian a Pontevedra, pasando Vigo a segundo plano”. “Leiceaga quere a Vigo en segundo plano, e a Pontevedra no primeiro”, aseverou.

Así mesmo, segundo os seus cálculos, o PSdeG sacaría “seguro” catro deputados por esta provincia (actualmente ten cinco), e serían un de Vigo, dous de Pontevedra e outro de Vilagarcía. “Tería que chegar ao quinto (Gonzalo Caballero) para que Vigo igualase a Pontevedra”, constatou.

Segundo proclamou, Vigo para el “é o primeiro”, por diante mesmo do seu partido, e “ese non é o lugar que lle corresponde á primeira cidade de Galicia” nas listas do PSdeG.

Nesa liña, criticou a Fernández Leiceaga porque “quere que Vigo acepte submisamente un lugar secundario” e advertiu de que non o vai tolerar. “Non vou permanecer en silencio ante Leiceaga, que pretende que Vigo regrese 10 anos atrás”, insistiu, ao tempo que subliñou que defenderá a cidade fronte ao seu propio partido, como xa fixo coa Xunta ou co excomisario europeo do PSOE, Joaquín Almunia (en alusión á crise do tax lease no sector naval).

LISTA LIDERADA POR VIGO

Caballero, facendo unha “excepción”, referiuse a cuestións internas do partido e recordou que el apoiou a lista que aprobou o PSdeG a nivel provincial, que tamén encabezaba Abel Losada, acompañado nos primeiros postos por María Pierres, Manuel González, Marta Giraldez e José Ángel Santoro.

Segundo apuntou, esta candidatura foi avalada “pola grande maioría” dos militantes da provincia e cargos como alcaldes e alcaldesas, e estaba “liderada” por Vigo, como é natural”. Nesa lista, a cidade olívica, “xenerosamente, permitía unha “presenza equilibrada” doutros municipios.

CONTACTOS CON RESPONSABLES DO PSOE

A preguntas dos xornalistas, e a pesar de recoñecer que a decisión da Comisión Federal de Listas é “definitiva”, afirmou que está a manter contactos con “responsables federais” do PSOE para trasladarlles a súa posición.

Así mesmo, apuntou que a “delegación” que fixo o Comité Federal nesa Comisión de Listas foi “seguramente indebida”, á vista do que aconteceu na provincia de Pontevedra.

Finalmente, Caballero volveu insistir en que seguirá reclamando para Vigo “o papel que lle corresponde no PSdeG, tanto por poboación, coma por resultados electorais (o seu liderado electoral na cidade en indiscutible, cunha maioría absoluta de 17 edís dos 27 que hai na Corporación). “Cando digo que para min o primeiro é a miña cidade, non é retórica”, sentenciou.

19 de agosto de 2016 | 16:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.