Artesanía de Galicia busca novas canles de distribución na feira Formex de Estocolmo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción da Artesanía de Galicia no mercado nórdico na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo ata o vindeiro sábado, 27 de agosto, co obxectivo de abrir novas canles de promoción e distribución para o produto artesán galego.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de 42 obradoiros galegos, coa que se ofrece unha proposta que combina a artesanía galega máis tradicional xunto a pezas de liñas máis sinxelas e acabados máis contemporáneos na súa cor, forma e función.

Os tradicionais coitelos da Fonsagrada, a prata, a iluminación, o téxtil e o coiro únense á cerámica, á cestería tradicional, á cestería téxtil, á olería tradicional ou ás pezas utilitarias elaboradas en madeira na escolma que representa o produto artesán galego en Formex, feira na que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2013. Nesta edición inclúense produtos de 3 novos obradoiros que se suman aos 39 obradoiros da pasada edición de xaneiro..

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 3 anos.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse as pezas de coiro do obradoiro Cabuxa (Tui), os tradicionais coitelos da Fonsagrada do obradoiro de César Núñez e o téxtil do obradoiro Artefíos da Coruña.

Atópanse tamén pezas de coiro do obradoiro Jatafarta (Santiago de Compostela) e o obradoiro Coiraxe (Vigo) xunto ás propostas dos obradoiros Media Lúa (Santiago de Compostela) e Miolos Design (Mourente, Pontevedra). Inclúense tamén as apostas pola iluminación de Arturo Álvarez (Vedra), Pedeeme de Campañó ou as do obradoiro téxtil Anna Champeney (Cristosende) que, xunto co Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas) participan con pezas tecidas a man.

A porcelana está representada por pezas das gañadoras dos recentes Premios de Artesanía de Galicia Marta Armada (Vigo) e Verónica Moar (A Coruña), Cerámica Suve (Cangas), Como Cuando (Vigo), e Víctor Ares (A Coruña). A cerámica que participa no stand está elaborada polos talleres de Lucía Catuxo (Trabada), Manuel Figueiras (Muros), Nacho Porto (Carnota), Fernando Porto (A Estrada), Regal Cerámica (Viveiro), Madriguera Workshop (Ferrol), Laura Delgado Cerámica (Cambre) e Unzueta Cerámica (Brión).

En canto á olería, están representados tres centros de olería tradicional galega: Niñodaguia, coas pezas de Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo), Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober) e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Aparicio, Alfarería Lista e Alfarería Rulo con pezas decorativas e pezas máis funcionais pensadas para a nova gastronomía.

Neste espazo conviven os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada) e Elena Ferro (Merza), Cunqueiro (Palas de Rei) e unha peza de edición limitada de Francisco Pazos (Meaño).

Tamén están presentes nesta nova edición o obradoiro téxtil Le Chanelas (Vigo) e as candeas artesanais de A Candelaria (Negreira). O traballo en prata está representada no stand de Artesanía de Galicia coas pezas de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela). As pezas de manipulado de papel de Mimadrinha (Fisterra) e as tradicionais pezas de miga de pan do obradoiro de Jorge Bellón de San Andrés de Teixido tamén forman parte da escolma.

24 de agosto de 2016 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.