Arrinca a pretemporada para o filial e o xuvenil do Santiago Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O equipo filial Santiago Futsal B de Terceira División Nacional e o xuvenil de Liga Nacional Santiago Futsal, tiveron esta mañá a presentación oficial da temporada 16/17 no Multiusos Fontes do Sar. Os de David Rial, que repite como adestrador de ambos os conxuntos, comezarán esta tarde os adestramentos  de pretemporada.

Os dous máximos expoñentes da canteira celeste serán os encargados de dar o pistoletazo de saída á pretemporada da base do Santiago Futsal. O técnico David Rial amósase moi optimista en canto á vindeira campaña que para o equipo filial comezará a mediados de Setembro e para o xuvenil a mediados de Outubro: “Espéranos unha temporada diferente, onde teremos o filial máis novo dos últimos anos, e onde o groso dos xogadores serán xuvenís. Teremos que adaptarnos rápido á competición, a cal incrementou o seu nivel notablemente, con varios descensos de equipos importantes dende a 2ª División B e onde os equipos que se manteñen reforzáronse moi ben. O noso único obxectivo non é outro que manter a categoría e, ante todo, cumprir co papel de filial dun equipo da Primeira División; que todos os nosos xogadores estean preparados por se nalgún momento chégalles a oportunidade de poder participar co primeiro equipo.”

En canto á conformación do equipo xuvenil, ao cal chegarán novos xogadores, e á súa participación na competición Nacional, Rial asegura que “será unha temporada apaixonante. Configuramos un plantel máis amplo, onde tanto a xente que permanece no equipo como os que chegan de fóra ou os que soben desde a categoría cadete, son xogadores cunhas ganas de mellorar tremendas. Esperamos que esa competitividade interna nos faga mellores no día a día, premisa fundamental para nós.”

Ao longo do mes de Setembro iranse incorporando aos adestramentos os diferentes equipos da base do Santiago Futsal, a cal está aberta para todos aqueles xogadores e xogadoras interesados en formar parte da nosa canteira. O número de contacto do club é o 981 11 50 38.

29 de agosto de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.