Ángeles Vázquez supervisa os traballos de mellora de camiños nos concellos de Carral, Coirós e Aranga
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, supervisou hoxe as actuacións de mellora de camiños dentro dos plans Marco e de Emerxencias nos concellos coruñeses de Carral, Coirós e Aranga.
En Carral os proxectos enmárcanse no plan Marco de mellora de camiños, cun investimento de 55.447 euros. No caso de Coirós, as obras están incluídas no plan de Emerxencias e son en total 7 actuacións, cun orzamento de 58.350 euros. Por último, no concello de Aranga as intervencións, dentro tamén do plan Marco, suporán un investimento total de 82.318 euros, que se destinarán á mellora do camiño en Cambás.
Plan Marco
O plan Marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal está impulsado pola Xunta a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Entre ambas chegouse a un consenso sobre os criterios de distribución das asignacións económicas destinadas aos municipios. O investimento total, para o conxunto de Galicia, é de preto de 20 millóns de euros, dos que 6,2 millóns corresponden á provincia da Coruña.
Atendendo ao novo marco normativo que xurde da aplicación do PDR 2014-2020, as actuacións que se leven a cabo a través deste Plan Marco deberán consistir na ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.
Plan de Emerxencias
O plan de Emerxencias conta este ano cun orzamento de 2,8 millóns de euros para o conxunto de Galicia. Deles, 654.000 euros corresponden á provincia da Coruña. Este plan céntrase no arranxo de camiños e pontes que sufriron un deterioro importante polas condicións meteorolóxicas adversas e das que urxe a súa mellora.