publicidade hoxe

Ames colabora na campaña de recollida de material para o Sahara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O obxectivo da campaña é recoller material escolar, material deportivo e cueiros para bebés e adultos. A Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Sahariano pon en marcha esta campaña coa finalidade de aproveitar a viaxe de volta dos rapaces e rapazas saharauís que pasan o verán en Galicia enchendo as bodegas do avión con cousas que son necesarias nos campamentos de refuxiados. A campaña remata o día 30 de agosto. O Concello de Ames colabora cedendo as Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro como puntos de recollida. Mentres os nenos e a nena saharauí que pasan o verán en Ames ultiman a estadía no concello gozando coas súas familias. Onte foron entrevistados no Pazo da Peregrina pola TVG. A reportaxe poderase ver esta fin de semana no programa A Revista.

As distintas Asociacións de Solidariedade co Pobo Sahariano adoitan a propoñer este tipo de campañas para aproveitar a capacidade do avión de volta ao Sahara enviando distintos tipos de axuda. A Galicia este ano correspondeulle a recollida de material escolar para que os nenos e nenas dispoñan de todo o necesario cando comecen o curso, material deportivo para que poidan practicar con máis facilidade deporte e cueiros tanto de nenos como de adultos. “Buscamos gomas, lapis, bolígrafos, carpetas, cores, estoxos, cadernos, libros infantís, camisolas, chandals, tenis, balóns… de xeito que os nenos e nenas dos campamentos o teñan un pouco máis fácil para estudar e para facer deporte cando empece o curso e tamén cueiros de todas as tallas, algo moi necesario e moi difícil de conseguir nos campamentos”, manifesta Esther Ibarra, delegada da Asociación Solidariedade galega co Pobo Sahariano na área de Compostela.

O material pode entregarse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e de Milladoiro entre as 9:00 e as 21:00 horas, grazas a que o Concello se uniu á campaña de inmediato “O departamento de Voluntariado e o servizo de Migraciones artellou a colaboración coa campaña poñendo a disposición as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro como puntos de recollida, ademais de facer o cartel no que se anuncia a campaña e colocalo por todo o territorio municipal”, manifesta Luisa Feijoo, concelleira de Benestar Social e Igualdade. Tamén o Concello pon a disposición o teléfono de voluntariado, 662377044, para que calquera persoa poida consultar as dúbidas que teña sobre o xeito de facer as entregas ou calquera outra cuestión referida á esta campaña solidaria.

Por outra banda, a Asociación Ames Vivo colabora tamén coa campaña facendo un intenso traballo de difusión en redes e poñendo a disposición dos cidadáns un local alternativo de recollida no antigo establecemento Cousas da Terra, na Horta de Abaixo. Outro lugar de recollida ofreceuno Academia Aberta, que está situada no número 12 da rúa Ameneiral, en Bertamiráns. A campaña remata o día 30 de agosto. O recollido en Ames, como en outros puntos de Galicia trasladárase ao día seguinte para Ponteareas, onde a Asociación ten centralizada a campaña e posteriormente se levará a Madrid de onde parte o avión no que os nenos e as nenas saharauís regresan aos campamentos.

A TVG visitou aos nenos e a nena saharauís de Ames

A Televisión de Galicia visitou na tarde do mércores 24 de agoto aos rapaces e a rapaza saharauís que pasan o verán con familias de acollida de Ames. A cita tivo lugar no Pazo da Peregrina onde as familias contaron a súa experiencia e os nenos e a nena falaron da súa vida nos campamentos de refuxiados e do verán en Ames. A reportaxe poderá verse o sábado ou o domingo, dependendo da grella de programación, no espazo A Revista. 

25 de agosto de 2016 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.