Abel Caballero pide respecto para os gañadores de eleccións
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu arremeter publicamente contra a comisión xestora do PSdeG polos cambios introducidos na lista da provincia de Pontevedra para as autonómicas, pero foi máis alá, e declarouse “decepcionado” con todos os que avalaron esta decisión, trasladando así o seu malestar tamén aos órganos do PSOE a nivel federal.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico lamentou que “a estrutura do partido tomou a súa decisión” sen escoitar siquiera a voz dos alcaldes socialistas, da presidenta da Deputación de Pontevedra e dos militantes que propuxeran unha lista “pactada, dialogada e consensuada”. Unha lista que era “liderada por Vigo” e que foi “cambiada nos despachos, en contra das bases, en contra dos que gañaron eleccións”.
“Levo toda a vida no PSOE (*), que eu recorde nunca se cambiou unha lista para as autonómicas en contra das agrupacións”, sinalou, e lamentou que o seu partido “sempre estivo na nova política” e “sempre se prezou de ser un partido municipalista”. “Agora parece que iso cambiou, e eu quero reivindicar o PSOE que se puxo do lado de Vigo co partido xudicial, con Alfredo Pérez Rubalcaba, o PSOE que está ao lado dos militantes e os cidadáns”, proclamou.
Nesa liña, o alcalde de Vigo volveu criticar que a cidade non ocupa o lugar que lle corresponde na candidatura da provincia, e insistiu en que a defenderá por enriba do seu partido, tal e como dixo publicamente nun mitin en presenza de Pedro Sánchez. “El dixo que lle parecía ben, que quería alcaldes así. Eu quero a ese Pedro Sánchez, ao que antepón a política dos cidadáns ás decisións das estruturas do partido”, afirmou.
“Dende a FEMP (órgano que preside) un dos meus lemas é pedir respecto para os alcaldes, e pido respecto para min, porque eu gaño eleccións. Conseguimos un grande apoio social con moito esforzo, e non lle vou fallar á miña cidade”, sentenciou.
CAMPAÑA ELECTORAL
Con respecto á próxima campaña electoral das autonómicas, Abel Caballero non quixo desvelar cál vai ser o seu papel ou o do PSOE da provincia de Pontevedra, aínda que se mostrou visiblemente molesto á pregunta dos medios de se iría votar o 25 de setembro. “Esa pregunta nin sequera lla tolero”, afirmou tallante.
Tampouco precisou se traballará para que o PSdeG consiga manter o quinto deputado na provincia (ata agora Caballero dá por segura solo ata a cuarta acta), que sería o seu sobriño Gonzalo Caballero, cabeza visible do sector crítico do PSOE vigués. “Os que fixeron pouco para chegar á quinta acta foron os que elaboraron esta lista”, atallou.
“Nesta provincia, os que perden as eleccións pretenden dicirnos aos que gañamos como levar adiante o proxecto político do PSOE”, ironizou, e lamentou que ninguén, nin sequera na Executiva Federal, dera “nin unha razón” do cambio na candidatura.
“Ata agora, sempre me sentín moi avalado polo meu partido. Esta vez, por razóns que non explican e, polo tanto, non admito, non se atende a posición lexítima da cidade e dos representantes do partido na provincia”, sentenciou.











