A Xunta remite ao Concello de Vigo unha nova proposta para a mellora do servizo de autobús urbano a Peinador
A Xunta remitiulle hoxe ao Concello de Vigo unha nova proposta de convenio para a mellora do servizo de autobús ao aeroporto de Peinador. A proposta, froito da xuntanza de traballo mantida onte, atende alegacións formuladas dende o Concello á proposta inicial de acordo remitida polo Goberno galego. Así, por exemplo, múdase a redacción da exposición de motivos para recoñecer o interese supramunicipal da liña, ao considerarse razoable esta demanda, tendo en conta a integración da liña no Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo.
O Goberno galego tamén acepta que unha vez vencido o prazo inicial do convenio e antes da súa prórroga se poidan cambiar o número de expedicións, no caso de haber acordo entre ambas partes, para adaptar o servizo á oferta de voos.
No que se refire á antigüidade dos vehículos, a Xunta accede a que os servizos se presten con autobuses seminovos, en lugar dos novos requiridos inicialmente, e deixa en mans do Concello a formulación dunha proposta sobre a antigüidade máxima dos vehículos.
Tendo en conta a recente firma por parte do Concello de Vigo da súa adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano mediante as liñas de autobús urbano, e a propia filosofía da Área Metropolitana de Vigo, o documento enviado hoxe especifica que, loxicamente, tamén este servizo de autobús a Peinador deberá estar integrado neste programa de transporte público.
Neste sentido, e tal e como acontece coa liña interurbana de autobús que conecta o centro de Santiago con Lavacolla, o convenio para o autobús a Peinador establece a aplicación dunha tarifa bonificada para os usuarios que abonen o percorrido coa tarxeta do Transporte Metropolitano ou coa do autobús urbano de Vigo.
Outro punto recollido nesta nova proposta é o rotulado dos autobuses, para o que a Consellería de Infraestruturas propón a denominación Vigo- Peinador e se consideren no posible as obrigas contratuais do Concello con Vitrasa.











