A Xunta presenta aos empresarios de Agrela o deseño da pasarela de Marineda

Ethel Vázquez na reunión cos empresarios de Agrela. Foto: M. Fuentes
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentoulles hoxe á Asociación de Empresarios de Agrela e a representantes de Marineda City unha proposta do deseño para a execución da pasarela entre o polígono e a zona comercial, que inclúe a integración paisaxística da contorna.
A Xunta, despois de ultimar o deseño cos empresarios, tamén lle trasladou ao Concello da Coruña esta proposta de pasarela e solicitoulle unha reunión para presentarlle o proxecto e abordar os detalles da construción desta nova infraestrutura.
Vázquez Mourelle destacou que agora, coas achegas recibidas, iniciarase a redacción do proxecto construtivo desta nova infraestrutura.
A titular de Infraestruturas explicou que a pasarela será esteticamente novidosa, contribuíndo á singularidade desta zona comercial e conseguindo unha mellora paisaxística e na calidade de vida dos cidadáns, ao intervir sobre o deseño das zonas peonís, dándolles unha homoxeneidade que hoxe non teñen.
O Goberno galego, concretamente, a nivel paisaxístico, non só actuará na pasarela, senón que tamén adecuará a contorna, conducindo os peóns ata a nova infraestrutura de forma segura e cun itinerario ambientalmente mellorado. Tamén se humanizará a zona con vexetación e iluminación.
A Xunta incluíu no Plan de Sendas de Galicia unha pasarela e unha mellora deste entorno para optimizar a mobilidade na zona. Trátase dunha actuación de algo máis dun millón de euros, que axudará a mellorar a seguridade viaria e a comodidade deste importante polo comercial e empresarial da cidade.
Vázquez indicou que esta proposta pretende incrementar a seguridade viaria nunha zona á que se desprazan milleiros de persoas ao día en transporte público, en vehículo privado, andando ou en bicicleta.











