publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de reforzo do firme na travesía de Rábade da LU-107

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRábade
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia mañá as obras de rehabilitación de firme na travesía de Rábade da estrada LU-107. A actuación encádrase no contrato licitado pola Axencia Galega de Infraestruturas o pasado 20 de abril, mediante o que se mellorará ademais o firme doutras tres travesías da provincia de Lugo: en Meira, Mondoñedo e Muimenta, no Concello de Cospeito.

O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Isidro Otero S.L., por máis de 400.000 € e ten un prazo de 3 meses. A execución do contrato iniciarase polos traballos previstos na estrada autonómica LU-107, travesía de Meira, e continuarase polas travesías de Muimenta (LU-120), Mondoñedo (LU-124) e Meira (LU-750).

A actuación prevista na LU-107 en Rábade consiste na extensión na totalidade do ancho da calzada dunha nova capa de rodadura, unha vez reparados os deterioros existentes. Este vial comunica a glorieta do enlace da autovía A-6 coa rúa Coronel Andrade e conta cunha lonxitude superior a 1,5 quilómetros. No tramo construirase dous pasos sobreelevados solicitados polo concello. O orzamento das obras previstas en Rábade supera os 180.000 euros.

Travesía de Mondoñedo da LU-124

Na travesía de Mondoñedo, LU-124 (saída de Mondoñedo cara a Cruz da Cancela) levaranse a cabo tarefas de reforzo de firme en preto de 1.300 metros, e executarase tamén unha senda peonil pola marxe esquerda da estrada nos seu primeiros 280 metros.

Esta senda permitirá comunicar as beirarrúas da existentes na antiga N-634 coas da LU-124, que comezan actualmente aproximadamente no punto quilométrico 0+250, de xeito que se creará un itinerario peonil continuo.

Hai que recordar que neste ano a consellería de Infraestruturas mellorará tamén as travesías de Mondoñedo da LU-160 e LU-161, que está previsto iniciar ao longo da vindeira semana.

Travesías de Muimenta e Meira

No Concello de Cospeito, actuarase na travesía de Muimenta, na LU-120 (Vilalba – Paraxes); realizaranse melloras puntuais nos sistemas de drenaxe ademais dos traballos de reforzo de firme da estrada coa fin de aumentar a súa seguridade. O tramo de actuacións ten unha lonxitude de 1.200 metros.

Por último, rehabilitarase tamén o firme na estrada Meira – O Cádavo (LU-750), en Meira, nunha lonxitude de 350 m, dende o centro urbano ata a glorieta coa estrada da Deputación que leva á piscina municipal.

Estes traballos, que comezan mañá, teñen como obxectivo a mellora destas travesías da provincia de Lugo, para acadar unha condución máis cómoda e segura.

Plan de Reforzos de Firme

Estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda busca conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

15 de agosto de 2016 | 10:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.