A Xunta destaca o papel estratéxico do parque empresarial de Muimenta no impulso da actividade económica da Terra Chá
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, realizou na xornada de hoxe unha visita ás instalacións do parque empresarial de Muimenta, no concello lucense de Cospeito, na que destacou a relevancia que teñen os polígonos industriais no desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
Bernardo Tahoces sinalou que o parque empresarial de Cospeito xoga un papel estratéxico no impulso da actividade económica da comarca da Terra Chá, ao tempo que favorece a competitividade do tecido industrial da zona. Neste sentido, agradeceu a colaboración co Concello no desenvolvemento de proxectos que garanten a modernización dos equipamentos das instalacións, mellorando tanto as medidas de seguridade en materia de prevención como de aproveitamento dos recursos enerxéticos, favorecendo así o aforro e a eficiencia nos consumos.
En concreto, no polígono de Cospeito, que conta con máis dunha vintena de empresas asentadas, cambiáronse o ano pasado 15 luminarias, pasando de tecnoloxía SAP (Sodio a Alta Presión) a tecnoloxía LED, o que posibilita, ademais dun importante aforro enerxético, a instalación de sistemas de iluminación con maior vida útil. A maiores, instalouse unha columna hidrante exterior que permite a subministración aos equipos públicos de extinción de incendios.
O director xeral de Enerxía e Minas destacou a importancia deste tipo de accións que abarcan a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, así como a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, que se unen a outros equipamentos que definiu como estratéxicos para os polígonos empresariais, como a creación de plantas de depuración de augas, a xestión de residuos e a posta en servizo de vías que favorecen o acceso ás empresas instaladas nos parques industriais galegos.