A Xunta apoia un programa de formación e orientación de Cáritas dirixido a familias monoparentais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
O conselleiro de Política Social na reunión con Cáritas Diocesanas

O conselleiro de Política Social na reunión con Cáritas Diocesanas

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, apoiará a Cáritas Diocesana nunha iniciativa de formación, orientación e apoio destinada ás familias monoparentais. A administración autonómica contribuirá este ano con 25.000 euros ao desenvolvemento deste programa, segundo se recolle no convenio de colaboración que vén de asinar o conselleiro José Manuel Rey Varela co responsable desta entidade de iniciativa social en Santiago, José Anuncio Rañó.

Rey Varela destacou a recoñecida experiencia e formación de Cáritas na atención a familias monoparentais sen os medios e recursos axeitados, e que ademais conta co único centro existente en Galicia para estes fins, situado en Santiago de Compostela. Con este acordo, a Xunta de Galicia volverá a apoiar economicamente a esta entidade para que siga levando a cabo ao longo de 2016 unha tarefa de formación, orientación e apoio ás familias monoparentais que, carentes dos recursos e medios axeitados, precisan dun servizo asistencial para a normalización da súa convivencia.

O titular da carteira autonómica de Política Social enmarcou este convenio na firme decisión do Goberno galego de “estar máis cerca das persoas e familias con menos recursos e que máis precisan do apoio da administración”, o que se reflicte no aumento en máis dun 12% dos orzamentos dirixidos ao impulso das políticas sociais. Neste sentido, Rey Varela engadiu que “procurar que todas as familias teñan as mesmas oportunidades e acceso aos recursos é unha tarefa na que todos debemos sumar; de aí a importancia da intensificar a colaboración con outras administracións e coas entidades sociais que traballan día a día neste ámbito e que están moi pegadas á realidade”, concluíu.

17 de agosto de 2016 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.