A Orquesta Sinfónica actúa este sábado coa artista escandinava Ane Brun
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que destacou o éxito que están a colleitar as actividades programadas na Festas de María Pita 2016 relativas á promoción e coñecemento do Consorcio para a Promoción da Música, que terán o seu punto álxido este sábado cun espectáculo “innovador e nunca antes visto en Galicia” como é a actuación da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) coa artista escandinava Ane Brun, que terá lugar ás 20.30 horas na Praza de María Pita. O responsable municipal explicou que “dentro das actividades lúdicas deste agosto, a segunda quincena do mes está marcada polas festas barriais, as distintas feiras, así como a Romaría de Santa Margartita”. “Non obstante, ademais, puidemos gozar dunha serie de actuacións, con gran seguemento, vinculadas ao Consorcio para a Promoción da Música.
Contamos coa Orquestra de Nenos e Nenas da OSG, o Coro Xove e a Orquestra Xove da OSG (que actuará hoxe ás 21.00 horas), ademais da aula de jazz da Escola Municipal de Música e a Orquestra Resuena”, comentou o edil, quen recordou, ademais, que o domingo o ciclo As Noites de María Pita rematará coa actuación da Banda Municipal de Música.
Sande avanzou que a colaboración de Ane Brun coa OSG será “excepcional”. “Apostamos por unha actuación que en si mesma encerra un importante atrevemento. Trátase dunha cantante nórdica, que vén de tocar con destacados artistas de todo o mundo e que se reinventa constantemente cun estilo sutil e de vangarda”, comentou o concelleiro de Culturas, que destacou que se trata da primeira vez que Galicia acolle un espectáculo de carácter semellante.
A cantante escandinava destacou, ao fío, que non só será a súa primeira actuación en Galicia, senón que tamén será a súa primeira interpretación ao aire libre cunha sinfónica. “Acostumo a levar a cabo experiencias deste tipo con orquestras, pero até agora sempre o fixen nun espazo pechado. Creo que será unha actuación moi especial”, comentou a artista, presente na rolda de prensa xunto ao xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa, e o director da OSG, Dima Slobodeniouk. Este último tamén fixo fincapé no innovador do espectáculo deste sábado. “Esperamos que todo o mundo o goce, porque é un proxecto moi diferente ao que facemos no Pazo da Ópera e, dende logo, moi interesante”, comentou. Pola súa banda, Lacasa aplaudiu a proposta do Concello “dunha semana de actividades ligadas ao Consorcio para a Promoción da Música”. “Foi un luxo poder ensinarlle á xente todo o que facemos dende o Pazo da Ópera, tamén os e as nenas”, destacou.
Espectáculo no Parrote
Por outra banda, e dentro do programa de festas de María Pita, o Parrote acollerá mañá, sábado, o espectáculo A Partida , no que a compañía TRCDanza fai unha proposta artísticodeportiva que mestura danza e deporte para poñer de relevo os parecidos e as diferenzas entre a danza e o fútbol. Cinco bailaríns, cinco xogadores e un árbitro compoñen esta peza coreográfica, que se representará nesta espazo non convencional a partir das 19.00 horas, con entrada de balde.











