publicidade hoxe

A música de clarinete despedirá as Noites en Vela na Pontemaceira este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesCalendario
A-
A+

O ciclo Noites en Vela remata esta noite, co derradeiro concerto estival que acollerá a Pontemaceira. Despois de que Xan Solo’s, Xabier Díaz e as Maianas se achegasen a este entorno privilexiado para ofrecer a súa música ao público, hoxe é a quenda do cuarteto de clarinetes Tetramorph. Formado por catro músicos moi novos, dúas rapazas e dous rapaces que se coñeceron mentres cursaban o Grao Superior no Conservatorio de Música de Vigo, ofrecerá un repertorio musical lixeiro e ecléctico. A partir das 22:00 horas estes catro músicos farán gozar ao público cun chisco de jazz, algún tango, música galega e tamén española.

Realizaron xuntos as probas de acceso para o Conservatorio Superior de Música de Vigo.  Achegáranse sendo moi novos ao clarinete, instrumento no que decidiron especializarse. Antonio Costa, Melissa David, Amelia Ónega e Martiño Malleiro comezaron a tocar xuntos  para unha materia de música de cámara “no noso segundo ano no conservatorio”. O que comezou como parte da súa formación converteuse nun pasatempo, e na actualidade un proxecto no que os catro queren seguir traballando. Admiten que é complexo vivir da música, “especialmente, a día de hoxe, da música clásica”. E que a demanda de formatos coma o seu non é tan alta “non somos a Panorama, claro”. Pero poñendo esforzo e paixón a partes iguais están conseguindo facerse un oco “pouco a pouco”. 

Participaron na Semana de Música de Cámara de Vigo, no festival Peregrinos Musicais na veciña Compostela, ou no Aldebaran Music Festival, en Lombardía. Continúan estudando e formándose, e admiten que o verán é o momento que aproveitan para “deixar de lado o repertorio que máis tocamos no conservatorio, e tocar música de estilos máis variados”. Para a noite de hoxe prometen pezas de jazz, “música española, algún tango e, claro, música galega tamén”. Un repertorio, explican, pensado para todos os públicos. A Pontemaceira, escenario que unha das integrantes de Tetramorph, Amelia Ónega, coñece ben como amesá de nacemento. Ela e os seus compañeiros, Antonio, Melissa e Martiño, despedirán coa súa actuación o ciclo Noites en Vela.

 

19 de agosto de 2016 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.