A Garda Civil sorprende a un vigués pescando con nasas ilegalmente na zona do Berbés

Nasas requisadas
A Garda Civil sorprende a un veciño de Vigo cando recollía unhas nasas na zona do Berbés que previamente as arroxou ilegalmente. Os feitos sucederon na madrugada de onte cando compoñentes da Compañía Fiscal do Porto de Vigo observan como unha persoa chega á referida zona nun vehículo marca Mercedes, modelo Benz 108, e arroxa varias nasas en distinto puntos, para máis tarde volver ao lugar e comezar a levantar ditas nasas.
Por todo iso procédese á súa identificación e a incautación de 29 nasas e un rizón que utilizaba para extraelas, así como o marisco que había nas mesmas (12 nécoras, unha caracola e un bogavante, todos eles devoltos ao mar por atoparse aínda vivos). A esta persoa infórmaselle que vai ser proposto para unha sanción á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia.











