A Fundación Eugenio Granell de Santiago acolle cinco obradoiros do programa ‘Artesanía de Galicia. O teu camiño’
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou esta tarde os cinco novos obradoiros que se imparten na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela, dentro do programa Artesanía de Galicia. O teu camiño, organizado pola Xunta. A través destas actividades, achéganse ao público en xeral oficios como torneado cerámico, macramé, cestería, manipulado de papel, e elaboración de complementos con materiais reciclados.
Esta programación cultural inclúe obradoiros tanto para profesionais como para todo tipo de público, exposicións e demostracións e outras actividades que axuden a poñer en valor a Artesanía de Galicia. Así, hoxe celebráronse cinco obradoiros para toda a familia, abertos ao público de 12.00h a 13.45h e de 17.00h a 19.30h.
O obradoiro de elaboración de complementos con materiais reciclados está dirixido pola artesá María José Martínez e ensina aos asistentes a elaborar colares e pequenos bolsos con materiais reciclados. A artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña dirixe o obradoiro de manipulado de papel no que elabora e decora barquiñas de papel e grilandas decorativas.
O torno cerámico tamén está presente na terraza da Fundación Granell. Así, os asistentes poden coñecer as técnicas básicas de torneado e modelado xunto cos ceramistas Susana González, Antón Román, Carlos San Claudio e Sabela Orgueira.
Pola súa parte, a artesá Ana Castro dirixe o obradoiro de macramé para a elaboración de elementos decorativos e o cesteiro Antonio Suárez imparte o obradoiro de cestería tradicional na que comparte cos asistentes as principais técnicas do traballo co vimbio.
Xunto con estes obradoiros a iniciativa acolle ata o día 22 de agosto as exposicións “Auga” e “Artesanía de Galicia para vivir o século XXI” que complementan a oferta para o visitante da Fundación Eugenio Granell.
“Auga” recolle obras creadas entre a Asociación de Artesáns da Terra Chá e o estudio de deseño santiagués Vermis Project. Formado por unha colección de cinco pezas inspiradas na Terra Chá, o elemento protagonista é a auga, que interactúa de diferentes xeitos con cada unha das obras. En cada peza conxúganse as técnicas e o saber dos oficios artesáns desta comarca lucense coa metodoloxía do Design Thinking que achegan os deseñadores.
Neste caso, os obradoiros de artesanía da provincia de Lugo que colaboran son a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), o torneiro Vicente Ledo (Xermade), a oleira Pepa Lombao (Bonxe), a tecelá Noela Feal (Vilalba) e a bixutería de Iria Pigueiras (Vilalba).
“Artesanía de Galicia para vivir o século XXI” combina a capacidade innovadora do estudo de deseño FrutoDS (Pontevedra) co saber facer da Asociación Galega de Artesáns, cos obradoiros de cerámica Alfonso Otero Regal (Viveiro, Lugo), Laura Delgado (Cambre, A Coruña) de madeira Nudima e de tornería Artesanía Ferradáns (ambos da Estrada, Pontevedra), así como a colaboración da cesteira Idoia Cuesta. Neste proxecto que consegue mesturar o coñecemento, a metodoloxía e a creatividade de artesáns e deseñadores, a natureza é unha das liñas principais que inspiran os diferentes obxectos, realizados con materias primas naturais e que son de uso tradicional en Galicia.
Tamén no marco desta iniciativa está previsto que se celebren tres obradoiros de especialización dirixidos a adultos: un de encadernación copta impartido polo artesán encadernador Pablo Otero de Vigo; outro de ourivería con Susi Gesto; e un terceiro de deseño de espazos expositivos impartido pola deseñadora Adriana Pardo (Woodfeelings). Para estes obradoiros de especialización os interesados poden facer a solicitude de participación na páxina web artesaniadegalicia.xunta.gal.
A programación de Artesanía de Galicia. O teu camiño na Fundación Eugenio Granell complétase co Pop Up co que a Xunta, a través de preto de 200 produtos de 46 talleres de toda a comunidade, pretende impulsar o coñecemento da marca Artesanía de Galicia, así como o traballo que desenvolven os oficios tradicionais galegos.











