publicidade hoxe

A Deputación licita por 331.288 euros as obras de construción de sendas peonís en dous tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Muxía e Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMuxíaSanta Comba
A-
A+

A Deputación da Coruña licita por 331.288 euros as obras de construción de dúas novas sendas peonís nas estradas provinciais DP 5604 de Outes a Pereira por Pesadoira e DP 5201 de Muxía a Toruiñán pola costa ao seu paso polos concellos de Muxía e Santa Comba, uns tramos que coinciden co Camiño de Santiago.

Na actualidade, os peregrinos transitan pola plataforma das estradas, polo que a execución destas sendas peonís supón unha importante mellora das condicións de seguridade.

Na estrada DP 5604, as obras consistirán na construción dunha senda de dous metros de ancho pola marxe esquerda, entre os PK 15+870 e o 16+220, pavimentada con zahorra artificial mistura bituminosa en quente. Baixo a senda instalarase un sistema de drenaxe de pluviais con rede de tubaxe de PVC reforzada con formigón e sumidoiros cada 25 metros. Como separación da senda peonil e o carril bici contiguo á estrada, pintaranse novas marcas viais, con resaltos no tramo máis próximo á estrada e dispositivos de captación de faros tipo “ollo de gato”.

Na DP 5201, o proxecto contempla a construción, tamén pola marxe esquerda, dunha senda de dous metros de ancho que discorrerá entre os PK 1+130 e 1+780 coas mesmas características que a anterior.

Estas obras enmárcanse no proxecto para construir diversas sendas peonís en estradas provinciais que forman parte do tramo Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago, segundo afirmou o deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial e alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, que destacou que estas accións “contribuirán a facer máis cómodo e seguro o cada vez máis transitado Camiño da Costa”.

19 de agosto de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.