publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inviste medio millón de euros na seguridade vial en varias estradas de Trazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaTrazo
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Trazo, onde foi recibido polo alcalde, José Dafonte, e pola corporación municipal ao completo. Na visita estiveron tamén presentes os deputados provinciais responsables das áreas de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e Economía e Facenda, Antonio Leira.

Na recepción oficial, realizada no salón de plenos, o rexedor tracense deu a benvida ao municipio a González Formoso e agradeceu “a primeira visita dun presidente da Deputación a Trazo nos catorce anos que levo como alcalde”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación agredeceu o recibimento e sostivo que a súa intención é visitar todos os concellos da provincia porque “preferimos pisar o terreo e comprobar en primeira persoa as necesidades dos municipios”.

Neste sentido, destacou que a institución provincial investiu no último ano, a través dos diferentes plans provinciais (POS, PAS, Plan de Medioambiente e Plan de Emprego) un total de 606.791 euros no municipio, “que se destinan a infraestruturas que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños”.

Así a través do POS, a Deputación financiou a pavimentación de diversos camiños rurais nas parroquias de Restande, Monzo, Xavestre, Berreo, Trazo e Chaián, mentres que o Plan de Acción Social (PAS) permitiu realizar obras de conservación e rehabilitación nos centros sociais de Restande, Morlán e A Brea, así como construír unha pista polideportiva.

González Formoso apuntou tamén que o Plan de Emprego (PEL), un dos principais proxectos do executivo provincial, “triplica” a achega que viña percibindo o Concello de Trazo para a creación de emprego, pasando dos 7.650 € do ano anterior aos máis de 25.000 € no presente exercicio, o que permite ao municipio “contratar a máis persoas durante máis tempo”, así como os 59.975 euros que o Concello percibe do novo Plan de Medioambiente, que servirá para contratar persoal destinado a tarefas de mantemento medioambiental e para a construción dunha nova senda peonil en Chaián.

O presidente provincial defendeu o papel da Deputación “pensada para dar apoio aos pequenos municipios rurais da provincia, que son os que maiores necesidades teñen” e os que máis dificultades atopan á hora de atopar financiamento para os seus proxectos e sostivo que o seu goberno “traballa nese sentido”.

Máis de 500.00 euros en mellora de estradas

Valentín González Formoso e José Dafonte visitaron tamén durante a xornada de hoxe diversas estradas do municipio nas que a Deputación está a realizar obras de mellora por importe de máis de medio millón de euros.

En concreto, ambos mandatarios supervisaron as obras, xa prácticamente rematadas, da Travesía de Agrodomestre (DP 5903 e DP 7804), nas que a institución provincial investiu 255.300 euros para levar a cabo a ampliación da plataforma e a construción dunha senda peonil por ambas marxes nunha zona onde era necesario mellorar a seguridade vial, xa que alí se atopan vivendas, negocios, e o centro de saúde da localidade.

A Deputación ten tamén adxudicadas, por importe de 255.131,58 euros, as obras de mellora da capa de rodaxe da DP 8401 de Tablilla a Agrodomestre por Pontepedra, que consistirán na dotación dunha capa de aglomerado entre o PK 11+400 e o final da estrada, continuando así as obras de mellora xa levadas a cabo no núcleo de Pontepedra. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas, tras a sinatura do contrato.

Mellora da estrada a Santiago

O rexedor tracense aproveitou a visita do presidente da Deputación para recuperar unha vella demanda do goberno local: a mellora da estrada DP 7804 Val do Dubra-Santiago ao seu paso polo municipio.

González Formoso confirmou que na Deputación existe un antigo proxecto para a execución desta obra, pero que o orzamento do mesmo, de máis de 6 millóns de euros, “faino inasumible” para o organismo provincial. Asimesmo, o proxecto debería ser actualizado para adaptalo aos novos plans xerais dos concellos polos que discorre a estrada.

Neste sentido, instou ao alcalde a falar cos veciños para que poñan a disposición os terreos necesarios para a ampliación da estrada e comprometeuse a estudar cos técnicos provinciais a posibilidade de abordar esta obra por fases, ao longo de varios exercicios presupostarios.

González Formoso e Dafonte visitaron tamén a zona da Ponte Albar, que cruza o río Tambre e que resultou afectada polos temporais do pasado inverno. Os técnicos provinciais confirmaron que a Deputación xa presentou un proxecto para a súa reparación e que está en conversas co servizo de Patrimonio da Xunta para ver se cumpre coas súas especificacións, xa que se trata dun ben catalogado.

18 de agosto de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.