A Deputación da Coruña destina 128.000 euros a financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento en colaboración con 14 ONG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña publicará mañá no Boletín Oficial da Provincia a concesión de axudas por importe de 128.247,44 euros para o financiamento, en colaboración con ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, de catorce proxectos de axuda ao desenvolvemento en América Latina, África e Oriente Próximo.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou “a longa traxectoria da Deputación no apoio a proxectos de cooperación exterior, que axudaron a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas en todo o mundo” e sostivo que “a solidaridade coruñesa seguirá facendo posible” estas accións.

Entre os proxectos que contarán con financiamento provincial figura unha axuda de 17.313,44 á entidade Asamblea de Cooperación por la Paz para fomentar a utilización responsable dos recursos agrícolas e artesanais nunha comunidade de máis de 200 persoas en Gabés (Tunisia), 11.251, 80 euros para o proxecto de Manos Unidas contra a fame no mundo, que se desenvolve en Quetzaltenango e San Marcos (Guatemala) e 8.000 euros para a promoción dun programa de saúde bucodental, en colaboración coa Fundación Odontología Solidaria, en Hanan (Marrocos).

120 nenos estudan na escola “Coruña” en Yoff-Dakar

A Deputación financiará tamén actividades como o sostemento da escola “Coruña”, creada con axudas provinciais en Yoff-Dakar (Senegal) pola ONG Ecodesarrollo Gaia e onde estudan a día de hoxe 120 nenos e nenas; o mantemento dun centro do atención á muller Wasi Nazaret, en Checacupe (Perú), ou un proxecto para mellorar a seguridade alimentaria de 135 familias dedicadas á produción agrícola en Sucre (Bolivia), en colaboración con Ayuda en Acción.

Outros proxectos de colaboración internacional que contarán con axuda provincial serán o tratamento médico de nenas e nenos con enfermidades graves “Proyecto Viaje hacia la vida”, que desenvolve a Fundación Tierra de Hombres, a dotación de acceso sanitario básico ás comunidades dos barrios chabolistas de Sigra- Varasani (India) ou a posta en marcha dun proxecto para nenos e xóvenes en risco de exclusión social en Tegucigalpa (Honduras).

Vacacións en paz e acollida de nenos de Chernobil

A Deputación destina tamén unha subvención de 14.000 euros para financiar o proxecto “Vacacións en Paz” que cada ano desenvolve a ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui e 5.600 euros para o programa de acollida temporal nos municipios coruñeses de 25 menores procedentes de casas de acollida e familias tuteladas da rexión rusa de Briansk, onde aínda seguen patentes os efectos contaminantes da catástrofe nuclear de Chernobil. Un programa que ten como obxectivo protexer a saúde dos menores e incrementar a súa esperanza de vida.

Con esta colaboración con 14 ONGs, a Deputación axudará a impulsar outros tantos proxectos destinados a fortalecer as necesidades sociais básicas (atención primaria, nutrición, saúde reprodutiva e materno-infantil, educación infantil e alfabetización de adultos), a protección dos colectivos máis vulnerables (infancia e mocidade, mulleres, refuxiados, poboacións indíxenas…), ou a protección e mellora da calidade medioambiental.
Tiveron prioridade na asignación os proxectos que forman parte dun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica onde se materialice o proxecto e os que contan coa colaboración de asociacións locais de axuda ao desenvolvemento.

30 de agosto de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.