A Deputación coruñesa ofrece o envío de axuda para as vítimas do terremoto de Italia
A Deputación da Coruña pon a disposición das vítimas do terremoto de Italia axuda humanitaria a través da colaboración coa ONG Aire de bombeiros.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ofreceu a colaboración do organismo provincial ao embaixador de Italia en España, Stefano Sannino, durante unha conversa telefónica que ambos mantiveron esta mañá e na que González Formoso lle transmitiu as súas condolencias en nome da Corporación provincial e da cidadanía provincia da Coruña.
O presidente provincial ofreceulle ao embaixador italiano en España o apoio e colaboración desta ONG de bombeiros coruñeses para as accións de rescate das vítimas do terremoto que na madrugada do mércores sacudiu o centro do país ou de recuperación das zonas danadas.
Neste sentido, a Deputación estableceu tamén contacto nas últimas horas con representantes do Colectivo Aire, que xa conta con experiencia en accións humanitarias internacionais como a axuda a persoas refuxiadas en Grecia, e que se mostraron dispostos a axudar en canto sexa preciso aos seus colegas italianos para participar nas tarefas de rescate e reconstrucción das zonas afectadas.
O goberno da Deputación comprometeuse a sufragar o traslado, ademais da colaboración que fose precisa para que o equipo e bombeiros do colectivo Aire, con experiencia en acción de rescate, poda formar parte dos efectivos desprazados ao centro de Italia.











