A Consellería do Mar coordinará a presenza dos xestores náuticos galegos no salón Grand Pavois de La Rochelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia coordinará un ano máis a presenza das entidades xestoras de instalacións náutico recreativas autonómicas no salón sectorial Grand Pavois de La Rochelle, en Francia. O ente público colaborará cos xestores dos portos deportivos dependentes da Xunta de Galicia para coordinar a representación autonómica no evento promocional que terá lugar na localidade francesa do 28 de setembro ao 3 de outubro.

O Grand Pavois, celebrado por primeira vez en 1973, aglutina aos principais operadores do sector náutico recreativo de todo o mundo. Neste marco, Portos de Galicia impulsa a promoción da oferta de turismo náutico na nosa comunidade mediante a súa presenza institucional no evento. A comitiva galega reúne a representantes municipais e operadores dos principais portos deportivos dependentes da Xunta de Galicia.

A proposta de Portos de Galicia baséase no establecemento de sinerxias entre os diferentes peiraos autonómicos para aunar o conxunto das potencialidades náuticas da nosa comunidade nunha oferta comercial común. Con esta finalidade os axentes e operadores do sector están a avanzar nas diferentes especializacións de cada un de xeito que poidan integrarse nunha proposta global máis competitiva de cara ao exterior.

O obxectivo último da representación galega no Grand Pavois pasa polo establecemento de contactos comerciais e posibilidades de negocio internacional entre as entidades náuticas galegas e outras presentes na feira, nomeadamente as do sur de Francia, Reino Unido e Europa mediterránea.

16 de agosto de 2016 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.