publicidade hoxe

A Consellería de Medio Ambiente mellorará a accesibilidade da avenida das Mariñas en San Cibrao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Cervo colaborarán na mellora da accesibilidade da avenida das Mariñas en San Cibrao.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Alfonso Villares, asinaron un convenio neste sentido que recolle un importe de case 100.000 euros.

As obras consistirán na creación de beirarrúas, supresión de barreiras arquitectónicas, sinalización e modificación de pasos peonís elevados e mellora de espazos públicos.

Tal e como lle trasladou a conselleira, grazas a esta colaboración promoveranse todas aquelas actuacións orientadas a mellorar a seguridade viaria e peonil, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, co fin de mellorar o benestar dos veciños.

Fomentarase, así mesmo, a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo.

Plan Hurbe

Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da Comunidade Autónoma co déficit.

26 de agosto de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.