A conselleira de Medio Rural destaca o potencial de crecemento de Galicia na produción de hortalizas de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe o potencial de crecemento de Galicia no sector dos cultivos hortícolas de calidade. Fíxoo na súa visita á cooperativa Horsal, dedicada á produción e comercialización de hortalizas, e ás instalacións da empresa Hortalizas Serafín y Carlos S.L., ambas localizadas na comarca pontevedresa do Salnés.

Ángeles Vázquez reafirmou o apoio da Xunta ao cooperativismo e á aplicación da investigación ás producións agrarias, como fórmula para lograr que o valor que se xera ao longo da cadea produtiva repercuta sobre todo nos agricultores, que son a clave do proceso.

A titular de Medio Rural avogou por impulsar unha política de mercado que faga posible “que o produto galego de calidade se pague como merece”. Neste sentido, lembrou que o proceso produtivo ten un custe e que é preciso investir en investigación, no control de enfermidades ou no abono dos terreos, sen esquecer que o agro sempre está pendente das condicións climáticas.

Sector galego da horta

En Galicia existen unhas 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros. Arredor da metade destas explotacións contan adicionalmente cunha superficie equivalente de produción ao aire libre. As principais producións baixo cuberta son a leituga, o tomate, o pemento e o feixón verde, e case a metade das explotacións están agrupadas en cooperativas ou noutras figuras asociativas.

Horsal

É unha cooperativa fundada no ano 1986 que se dedica á produción hortícola e que, na actualidade, está formada por 145 socios que poñen en conxunto unha superficie aproximada de 28 hectáreas, tanto ao aire libre como en invernadoiros. No ano 2009 foi recoñecida pola Consellería do Medio Rural como unha Organización de Produtores de Froitas e Hortalizas (OPFH) e inscrita como tal no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Unha OPFH é unha agrupación de produtores dedicados ás froitas e hortalizas que constitúen unha entidade con personalidade xurídica propia en forma de cooperativa, sociedade agraria de transformación (SAT) ou semellante, para reducir custes, programar a produción e adaptala á demanda do mercado.

Serafín e Carlos S.L.

Tras visitar varias leiras en produción de Horsal, a conselleira, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, coñeceu ás instalacións do centro de manipulación e envasado de produtos hortofrutícolas da empresa Serafín e Carlos S.L. Esta industria recibiu o apoio da Xunta, como proxecto produtivo, dentro das iniciativas impulsadas ao abeiro dos Grupos de Desenvolvemento Rural. Concretouse nunha achega de preto de 90.000 euros para financiar as reformas precisas da nave existente así como a incorporación de instalacións e maquinaria de proceso, co fin de potenciar a venda de produtos hortofrutícolas da zona e os adquiridos noutros mercados nacionais e/ou internacionais. O proxecto supuxo a creación de 2 postos de traballo.

24 de agosto de 2016 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.