A Concellería de Xustiza Social abre o prazo de preinscrición no programa de actividades socioculturais dos centros cívicos
A Concellería de Xutiza Social e Coidados abrirá, entre os días 1 e 3 de setembro, o prazo para realizar a preinscrición nas actividades socioculturais dos centros cívicos para os meses de setembro a decembro deste ano, un programa composto por cursos e obradoiros dirixido a máis de 7.000 persoas. Esta convocatoria, a segunda do ano, inclúe opcións para os distintos tramos de idade dos e das solicitantes, con máis de 700 grupos e un total de 10.000 horas de actividades en toda a rede de centros cívicos municipais. Destacan, entre outras, as propostas formativas e de educación compensatoria, que inclúen apoio escolar en Primaria e Secundaria e alfabetización de persoas adultas, ou as de cultura xeral, e talleres como o de iniciación á lingua inglesa e o de manexo de equipos informáticos e aplicacións móbiles. O catálogo oferta tamén actividades creativas, artísticas, musicais e escénicas, obradoiros de artesanía e de recuperación manual –labores, palillos e de abalorios, entre outros–, programas de psicoestimulación e fomento de hábitos saudables –cociña e nutrición– e actividades para o mantemento físico e o envellecemento activo, bailes ou corais, ademais dos programas desenvolvidos en colaboración coas entidades veciñais.
Para acceder a esta oferta, as persoas interesadas poden pedir información nas propias instalacións dos centros cívicos, na Concellería de Servizos Sociais e na web www.servizossociais.coruna.es , ademais de no servizo de atención telefónica municipal 010. As actividades comezarán, con carácter xeral, a partir do 26 de setembro, aínda que o inicio de cada acciós específica poderá consultarse na web municipal, así como no resto de dependencias.











